O conselleiro de Educación visita o Instituto Plurilingüe de Ames acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña e pola directora xeral de FP

Román Rodríguez subliña que as novas aulas nómade confirman que a FP galega 'vai un paso por diante'

Explica que se trata dunha experiencia piloto que arranca este curso para o ciclo Básico de Peiteado e estética neste centro e no Agra de Leborís da Laracha

Salienta que se trata de modelos de aulas a través de proxectos de FP itinerantes e flexibles

Ames (A Coruña), 11 de setembro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, subliñou hoxe que Galicia “vai  sempre un paso por diante” en materia de Formación Profesional con iniciativas “novidosas e pioneiras” como a posta en marcha de aulas nómades, unha proposta experimental que arranca este ano no instituto IES Plurilingüe de Ames para o ciclo Básico de Peiteado e Estética.

O titular de Educación desprazouse ata Bertamiráns, acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, para visitar esta aula e intercambiar opinións ao respecto cos 15 alumnos que estrean este módulo totalmente equipado para recibir formación en peiteado.

Segundo explicou Román Rodríguez, a Xunta está explorando este modelo de aulas móbiles  a través de proxectos de FP de carácter itinerante e flexible, “dando oportunidades aos alumnos” en todo o territorio. Estas aulas, dotadas con todos os recursos para garantir unha formación práctica de calidade, están configuradas para permanecer nun centro durante unha ou dúas promocións ou ben cubrir necesidades puntuais dos centros.

A experiencia piloto arranca por primeira vez este ano con dúas instalacións, a do instituto amiense e outra no Agra de Leborís da Laracha. Ademais, estes espazos formativos son un exemplo de sistema circular, xa que foi deseñado por alumnos de Formación Profesional do Centro Integrado de FP CIFP As Mercedes de Lugo.

FP galega “á carta”

O conselleiro subliñou a consolidación dunha Formación Profesional galega “á carta” que é sinónimo de “calidade, prestixio e empregabilidade” grazas á continua aposta do Goberno galego polo impulso destas ensinanzas con propostas novidosas cada ano. Neste senso, este curso, ademais das mencionadas aulas nómades, arrancan as formacións aceleradas, unha vía rápida de cualificación novidosa e exclusiva de Galicia enfocada aos sectores onde existe unha alta demanda de man de obra especializada.

Ademais, no marco do Plan FPGal360, configurado como un sistema integral de orientación profesional que guíe e acompañe á cidadanía na toma de decisións educativas desde idades temperás e ao longo da vida, póñense en marcha a FP Básica Adaptada como unha das vías para asegurar a permanencia do alumnado no sistema máis aló do ensino obrigatorio, especificamente no caso de colectivos con dificultades de escolarización, e a FP Básica para Adultos, unha oferta deseñada para favorecer a capacitación profesional e a reinserción laboral de persoas que non dispoñen de títulos por abandonaren o sistema.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/09/2025