A Xunta finalizará o luns o restablecemento dos itinerarios de todas as liñas afectadas polas obras na avenida das Pías de Ferrol

Restitúese o percorrido das liñas con destino a Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo, así como doutras conexións nas comarcas de Eume e Ferrol

Complétase a recuperación de todos os servizos que foran desviados temporalmente en 2023 polas obras na estrada FE-14, de competencia estatal

As paradas á altura das vivendas de Bazán e do barrio de Caranza reubicáronse logo das obras de mellora da seguridade viaria na estrada FE-14

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2025

A Xunta finalizará, o vindeiro luns 15, o restablecemento dos itinerarios de todas as liñas que foran modificadas polas obras na avenida das Pías de Ferrol (FE-14).

Con este axuste recupéranse os percorridos habituais dos servizos con destino a Pontedeume, Santiago, Pontevedra e Vigo, así como aqueles que conectan coa Capela e coas Pontes. Tamén se adaptarán os trazados da liña de transporte urbano Praza Vella – Caranza, coñecida como liña C, e do servizo integrado que conecta o CEIP San Xoán de Filgueira co barrio de Esteiro.

As liñas retomarán as paradas que deixaran de prestarse a raíz dos desvíos temporais aplicados en 2023, polo que se recuperan as paradas do Barrio do Pilar e tamén as situadas na estrada FE-14.

O restablecemento deste percorrido conclúe o proceso iniciado o pasado 25 de agosto, cando xa se recuperaron os trazados habituais de máis de 500 servizos á semana nas conexións cara a Ares e Mugardos e cara á Coruña, Betanzos e Pontedeume.

Cómpre lembrar que, a comezos de 2023, a Xunta, en coordinación co Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, o Concello de Ferrol e a asociación veciñal de Caranza, acordou as solucións para os desvíos temporais do transporte público autonómico, logo de avaliar as opcións máis acaídas para o conxunto das liñas.

Estas medidas permitiron garantir paradas próximas ás habituais, facilitando así o acceso ao autobús durante as obras na estrada, e ao mesmo tempo, evitar que as modificacións no percorrido dos autobuses xeraran problemas de tráfico na cidade.

A información actualizada sobre os servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Data de actualización: 11/09/2025