Marta Villaverde visitou en Teo unha das peixerías adheridas

O Bono Peixe incrementa o número de consumidores de produtos do mar e esperta o interese na xente moza

Así se desprende, segundo destacou a conselleira, da información trasladada polos establecementos sumados a esta iniciativa, e que ascenden a 743 en toda Galicia

Con 200.780 descargas, supón unha aposta decidida pola cadea mar-industria, demostrando que a comunidade está a vangarda no eido tecnolóxico e da sostibilidade, e polo comercio local e de proximidade

Villaverde lamenta que este apoio da Xunta non se vexa reforzado coa baixada do IVE aos produtos por parte do Goberno, a pesares de ser unha demanda reiterada do sector, de que outros países xa a aplicaron e de que suporía un notable aforro para as familias

Teo (A Coruña), 12 de setembro do 2025

O Bono Peixe, impulsado e creado pola Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar, co fin de incentivar a promoción e o consumo dos produtos marítimo-pesqueiros frescos, alcanza o seu ecuador, rexistrando un aumento de consumidores e espertando o interese na xente moza. Así se deprende, segundo destacou a responsable deste departamento, Marta Villaverde, da información proporcionada polos establecementos adheridos, o que permite ao Goberno galego cumprir os obxectivos para a súa posta en marcha, o pasado 28 de xullo.

A titular de Mar deu a coñecer esta información en Teo, durante a visita realizada a unha das peixerías nas que se pode trocar o bono, e onde detallou que, na actualidade, son 200.780 descargas (86.961 na provincia de A Coruña, 75.429 na de Pontevedra, 19.886 na de Lugo e 18.504 na de Ourense) e 743 peixerías as que se sumaron a esta pioneira medida (288 na provincia de A Coruña, 299 na de Pontevedra, 78 na de Lugo e tamén 78 na de Ourense).

Villaverde aproveitou a ocasión para lembrar que a iniciativa aínda está vixente, polo que, tanto os usuarios poden seguir descargando os bonos, como os establecementos sumarse a esta iniciativa, que lles permite aos consumidores acceder a descontos do 25% nas súas compras ata un máximo de cinco euros semanais. No caso de non gastar todo o saldo, este poderá acumularse nas sucesivas semanas ata un máximo de 25 euros.

Chamamento á responsabilidade do Goberno

Ademais do aforro económico na cidadanía e de impulsar o consumo de peixe e marisco galegos, esta ambiciosa medida do Goberno galego tamén está a cumprir outra das finalidades que se persegue co seu desenvolvemento: apostar polo comercio local e de proximidade, así como pola cadea mar-industria, demostrando que Galicia está á vangarda no eido tecnolóxico e da sostibilidade.

Trátase, por tanto, dunha actuación que pon de relevo o apoio decidido e indiscutible da Xunta co sector, pero que podería ser reforzada se o Goberno central abandonase a decisión de non aplicar a baixada do IVE aos produtos do mar; unha determinación que, en palabras de Villaverde, non se entende, pois foron os propios profesionais os que cifraron, xa no ano 2023, que a supresión deste imposto suporía para as familias unha renda dispoñible de 928 millóns de euros e situalo na contorna do 4% uns 370; é dicir, un aforro próximo aos 560 millóns.

Por este motivo, a responsable autonómica volveu facer un chamamento á responsabilidade do Executivo estatal. E é que a aplicación desta medida fiscal tamén axudaría a reverter a tendencia decrecente no consumo e a impulsar a economía marítimo-pesqueira. Ademais, remarcou, países como Irlanda ou Malta eliminaron esta taxa impositiva, e outros como Luxemburgo, Alemaña ou Francia, reducírono. Así, o IVE nos principais produtos pesqueiros nestas tres últimas rexións está fixado, respectivamente, no 3, 5 e 5,5%.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/09/2025