Medio Rural lembra a súa aposta pola conservación das razas autóctonas co apoio a asociacións de criadores e unha orde de axudas específica para recría

A conselleira María José Gómez asistiu hoxe á Feira de Gando e Mostra de Razas Autóctonas de Augaxosa, que se celebra esta fin de semana na localidade de Riotorto

A titular de Medio Rural salientou o apoio a estas razas para as que, por primeira vez este ano, se convocou unha orde de axudas á recría de gando bovino e ovino-cabrún ameazado, dotada cun orzamento de 390.000 euros

Ademais, tamén destacou que este 2025 asináronse convenios con entidades para apoiar aos criadores destas razas para seguir traballando na súa conservación e recuperación, cun investimento conxunto de máis de 2,5 millóns de euros ata o 2027

Riotorto (Lugo), 13 de setembro de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu hoxe á Feira de Gando e Mostra de Razas Autóctonas de Augaxosa, que se celebra esta fin de semana na localidade de Riotorto, coa que colabora o seu departamento e na que puxo en valor o  papel das razas autóctonas como patrimonio zooxenético de Galicia.

No seu percorrido pola feira, a conselleira salientou que desde o seu departamento estase a traballar para a preservación destas razas e, este mesmo ano, convocouse por primeira vez unha novidosa orde de axudas á recría de gando bovino e ovino-cabrún ameazado, cun orzamento de 390.000 euros. A través destas chegas, explicou, procúrase a explotación sostible dos recursos autóctonos e mantemento da súa rendibilidade; a preservación da diversidade xenética destas razas; a sustentabilidade agrogandeira; a mellora da economía rural a través da calidade dos seus produtos; e a súa conservación do valor cultural e patrimonial.

A maiores desta liña de axudas, a conselleira tamén lembrou que este ano asináronse convenios con varias entidades para apoiar aos criadores destas razas na súa conservación e recuperación a través de actividades que permitan acadar ese obxectivo. En total, explicou, supón un investimento conxunto de máis de 2,5 millóns de euros ata o 2027 para os acordos coa Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga); a Asociación de Criadores de Raza Porco Celta (Asoporcel); as dúas asociacións dedicadas ao fomento do Cabalo de Pura Raza Galega e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde).

A conselleira reafirmou o apoio do Goberno galego a prol destas razas e asegurou que se segue traballando para preservar este patrimonio zooxenético, xa que a súa recuperación, conservación e fomento representa tanto un beneficio para os propios gandeiros, como para os consumidores e a sociedade da nosa comunidade en xeral.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/09/2025