O presidente da Xunta visita o Centro de Coordinación Central de Defensa contra os Incendios Forestais

Rueda destaca a profesionalidade e solidariedade do persoal do dispositivo galego contra o lume e apela á colaboración cidadá

Saúda a unha representación dos profesionais galegos que, voluntariamente, acudiron a colaborar na extinción dos lumes de Ávila e León 

Nesta campaña incorpóranse de xeito escalonado catro novos medios aéreos: un avión de coordinación, dous avións de carga en terra e un helicóptero pesado

Recorda que ante un lume as prioridades son detectar, chegar e apagar 

Apunta que a nova aplicación ‘ALume’ leva xa 7.000 descargas e máis de 200 notificacións que axudaron ao operativo

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a profesionalidade, compromiso e valores solidarios do persoal do dispositivo galego contra os incendios forestais e fixo un chamamento á cidadanía para que colabore na detección temperá dos lumes, xa que “a colaboración cidadá é fundamental” e “toda prevención e todo traballo é pouco”.

Así o sinalou esta mañá durante a súa visita ao Centro de Coordinación Central de Defensa contra os Incendios Forestais, no que estivo acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez; e polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco.

Alí o titular do Executivo autonómico recibiu unha representación dos efectivos que se mobilizaron para colaborar nos lumes de León e Ávila, “onde estiveron 80 profesionais mobilizados pola Xunta botando unha man” que se presentaron de forma voluntaria, ademais de medios aéreos e terrestres. Agradeceu a todos eles a súa solidariedade e a súa vocación de axuda en momentos tan complexos, e considerou que son un orgullo para a comunidade autónoma. O presidente fixo extensivo este agradecemento a todo o persoal que contribúe a loitar contra os lumes, ben desde o terreo ou ben desde os diferentes centros de coordinación.

Salientou que Galicia ten un dispositivo preparado para afrontar os lumes, que se reforzou en materias como a prevención, a dotación de persoal -cuns 175 efectivos máis, o que fai un total de 3.000 profesionais, computando só os dependentes da Xunta, que superan os 7.000 cos adscritos a outras administracións-, con máis recursos ou a través da innovación tecnolóxica.

Novidades no dispositivo

Seguindo esta liña, en relación coas novidades coas que conta o dispositivo este 2026, nesta campaña incorpóranse de xeito escalonado catro novos medios aéreos: dous avións de carga en terra, un helicóptero pesado e un avión de coordinación. Este último é  o primeiro deste tipo co que contará a nosa comunidade, e que se suma aos dous helicópteros de coordinación xa existentes.

Ademais, na súa intervención Rueda chamou a atención sobre que o feito de que as próximas semanas serán de máxima alerta. Neste sentido, apuntou que, ante un lume, as prioridades son detectar o antes posible, chegar coa maior brevidade e apagar con celeridade. Por iso, apelou á colaboración cidadá, que considerou imprescindible para facilitar unha detección temperá, e recordou que poden notificar avisos a través do teléfono 085 ou da nova aplicación móbil ALume, que leva xa 7.000 descargas e “máis de 200 avisos desde que está operativa”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/07/2026