A Xunta avanza na ampliación de centros educativos coa licitación do CEIP Ben-Cho-Shey no Pereiro de Aguiar

O conselleiro Román Rodríguez participa na presentación do proxecto, por case 2 M€, e subliña que o Goberno galego está a construír ou ampliar 52 centros

O colexio verá incrementada a súa superficie en máis de 1.300 m² e contará cun novo patio e acceso cuberto, máis aulas e máis espazos para comedor ou biblioteca

O Pereiro de Aguiar (Ourense), 13 de setembro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación do proxecto de ampliación do Colexio Plurilingüe Ben-Cho-Shey, do Pereiro de Aguiar, cun orzamento de case 2 M€. Trátase dunha nova obra dentro do “amplo programa de ampliacións e construcións de novos centros que a Xunta ten en marcha ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica”, destacou o conselleiro. 

Neste sentido, destacou que, das 52 obras deste tipo –catro novos centros e 48 ampliacións– que se inclúen nesta folla de ruta de modernización das infraestruturas educativas, unha ducia delas desenvólvense na provincia de Ourense, cun investimento de máis de 32 M€. Dúas delas vanse realizar no Pereiro de Aguiar, en concreto a ampliación do colexio e a construción dun novo instituto. “É máis, Ourense é a única provincia na que se constrúen dous edificios educativos completamente novos, o instituto que xa temos proxectado neste concello e o Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros, inaugurado en 2022”, puntualizou Román Rodríguez. 

No que atinxe ás ampliacións na provincia, están xa rematadas aos do CEIP de Prácticas (Ourense, 123.000€), IES Xesús Ferro Couselo (Ourense, 2,7M€) e do CIFP de Vilamarín (800.000€), e en execución as do CEIP Padre Crespo (Xunqueira de Ambía, 355.000€), IES Manuel Chamoso Lamas (O Carballiño, 2,4M€) e IES Eduardo Blanco Amor (Ourense, 1M€). Ademais da ampliación do Ben-Cho-Shey, xa licitada, están programadas as do CEIP Plurilingüe Inmaculada (Ourense, 1,2M€), CIFP A Farixa (Ourense, 1M€), CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel (1,6M€) e a construción do novo IES do Pereiro de Aguiar (9,5M€). 

Máis de 1.300 m² de espazos novos

A ampliación do Colexio Plurilingüe Ben-Cho-Shey vén completar as melloras sectoriais xa acometidas no centro cun orzamento de 300.000€ e á ampliación realizada en 2013 (470.000€), entre outras reformas do centro. Esta intervención suporá incrementar a superficie do centro en 1.324 m², algo máis de 400 m² en cada unha das plantas. 

A previsión é comezar esta nova actuación, que ten un prazo de execución de 10 meses, en xaneiro de 2026, de tal forma que estea lista para finais dese ano.

No semisoto crearase un patio cuberto para o alumnado de Infantil cun novo núcleo de aseos que dea servizo a esta zona dos espazos exteriores. Na planta baixa incorporase unha nova aula de Educación Infantil, biblioteca e local para a asociación de nais e pais na planta baixa, mentres que no primeiro andar se habilitarán unha nova aula de Educación Primaria, tres aulas de desdobre e un Polo Creativo.

Tamén se farán reformas na distribución interior do edificio existente coa finalidade de mellorar determinados espazos que contan con escasa superficie. Deste xeito, ampliaranse a área de comedor, os núcleos de aseos das plantas baixa e primeira e o espazo da sala de profesores, e trasladarase o actual arquivo e a un local de maior superficie na planta baixa.

Na zona de acceso ao centro escolar, proxéctase unha pérgola cuberta que permita á comunidade educativa acceder ao interior do colexio sen necesidade de mollarse os días de choiva. A maiores, realizaranse melloras na instalación de extinción de incendios e nos sistemas eléctrico e de ventilación. 

Novo instituto

No que atinxe ao futuro instituto público do Pereiro de Aguiar, o primeiro co que conte esta localidade e que será deseñado de xeito íntegro en base aos parámetros do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a previsión é que conte con 380 prazas para alumnos de ESO e Bacharelato, evitando que os alumnos do concello se teñan que desprazar a Ourense para cursar estas ensinanzas. Nestes momentos o proxecto está en redacción e a previsión é que o centro conte cunha superficie de máis de 4.500 m². 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/09/2025