O director da Axencia Galega de infraestruturas, Francisco Menéndez, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, supervisou hoxe os traballos

A Xunta pon en servizo o viario provisional que enlaza o Chuac coa estrada AC-10

Este viario dará servizo ao centro hospitalario mentres se abordan os traballos de ampliación do Chuac, nos que a Xunta leva investidos xa 85M€ na súa 1ª fase

A actuación completa dos accesos conta cun orzamento de 24,2M€ e inclúe un anel que rodeará o complexo hospitalario, ademais da remodelación do enlace que conecta o Chuac coa Avenida da Pasaxe (AC-12)

A Coruña, 15 de setembro de 2025

A Xunta pon hoxe en servizo o viario provisional que conecta o Chuac coa AC-10 e que dará servizo ao complexo hospitalario mentres se executan os traballos de ampliación. O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, explicou hoxe a obra, que se enmarca na actuación dos accesos ao Novo Chuac.

Este viario provisional permitirá a entrada desde a AC-10 só para ambulancias, co fin de garantir ao transporte sanitario urxente unha vía rápida de acceso. Ademais, o viario permitirá aos vehículos que procedan do Chuac a súa saída cara a AC-10.

A intervención forma parte da obra dos accesos ao Novo Chuac, que contan cun investimento de 24,2M€ e cuxo desenvolvemento está planificado para non interromper a actividade asistencial no hospital. Executarase un anel perimetral que rodeará o complexo hospitalario, ata a intersección co viario existente, no cruzamento da rúa Curramontes coa rúa Castaño de Eirís, ademais da remodelación do enlace que conecta o Chuac coa Avenida da Pasaxe (AC-12).

Ademais da posta en servizo do viario provisional, a Xunta está neste momento desenvolvendo traballos na zona da AC-12, coa adecuación e desvío dos servizos e conducións de abastecemento, saneamento e pluviais.

Entre os trazados e estruturas que se van executar coa actuación dos accesos destacan a nova glorieta do acceso á AC-12, de 44 metros de diámetro exterior, así como a coordinación do trazado do viario perimetral cos accesos ao hospital e con 5 viarios cos que conecta, ou os 3 viadutos previstos. Deles, un irá sobre a AC-12, outro estará no cruce da nova entrada e saída dende a AC-12, e o terceiro no anel perimetral. En total, levaranse a cabo 4 km de viais.

Actuacións do Chuac

Ademais dos accesos, a Xunta ten en marcha todas as actuacións da primeira fase do Novo Chuac, cun investimento ata agora de 85M€. En concreto, estanse a executar as obras de demolición do Hotel de Doentes (1,4M€), así como a construción da Torre Polivalente (37,6M€) e a urbanización de Pedralonga (3,5M€), onde se reubicará aos propietarios afectados. Ademais, a Administración autonómica traballa para licitar antes de finais deste 2025 o contrato de obra da Fase 2, a obra de edificación máis grande do complexo.

O Novo Chuac será un referente da atención sanitaria para medio millón de pacientes das áreas da Coruña e Cee, e sumará un investimento total de máis de 500 M€, o maior realizado nunha obra hospitalaria da Xunta. Unha vez rematado, o centro contará con 260.000 metros cadrados de novos servizos asistenciais.

A Xunta tamén acadou de 60 millóns de euros de financiamento europeo para esta actuación, sendo a única comunidade española en acadalo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/09/2025