A Xunta lamenta que o Goberno central volva castigar aos galegos, aos que condena a seguir pagando unha peaxe inxusta pola AP-9

O Goberno galego critica a falta de valentía do Goberno de Sánchez ante a súa resposta sobre o ditame da Comisión Europea que declaraba a irregularidade das prórrogas da concesión da autoestrada

Lamenta a decisión e empraza ao Goberno central a rescatar a AP-9 e liberar a peaxe, ao tratarse da principal vía que vertebra a comunidade

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2025

A Xunta lamenta a resposta do Goberno central ao ditame da Comisión Europea que declaraba a irregularidade das prórrogas da concesión da AP-9, coa que volve castigar aos galegos, aos que condena a seguir pagando unha peaxe inxusta por esta autoestrada.

O Goberno galego critica a falta de valentía do Goberno central e lamenta que non se aproveite a oportunidade para rescatar a AP-9 e liberar a peaxe, ao tratarse da principal vía que vertebra a comunidade e ser a alternativa máis vantaxosa para o interese público.

Hai que lembrar que a Xunta elaborou un novo estudo no que eleva a 2.356 M€ o actual custo do rescate, que se ten incrementado desde os 2.331 M€ nos que o Goberno galego avaliara esta medida no 2024. Neste senso, a Xunta considera que canto máis tarde se produza este rescate, será maior o prexuízo para os contribuíntes e usuarios da autoestrada.

A Xunta tamén leva 16 anos reclamando a transferencia da AP-9 xunto cos medios e servizos necesarios para a súa xestión, de forma que cumpra mellor a súa función de vertebración da Galicia atlántica.

A Xunta valorará mañá en rolda de prensa a resposta do Goberno central á Comisión Europea.

Data de actualización: 17/09/2025