Miguel Corgos avoga pola colaboración entre administracións, empresas e sociedade civil para a completa eliminación da fenda de xénero

O conselleiro de Facenda e Administración Pública participa hoxe na presentación do capítulo Galicia da organización Women in a Legal World (WLW)

Corgos chama a impulsar a visibilidade, a influencia, o liderado, a educación e a cooperación para transformar a contorna

A Coruña, 18 de setembro de 2025

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, instou á colaboración entre administracións, empresas e sociedade civil para lograr a completa eliminación da fenda de xénero. Fíxoo na presentación do capítulo Galicia da organización Women in a Legal World (WLW), unha organización sen ánimo de lucro que persegue transformar o sector legal para que todas as persoas profesionais do sector teñan as mesmas posibilidades de éxito na súa carreira.

Corgos felicitou á organización, porque a súa presenza en Galicia significa que a nosa comunidade pasa a formar parte dunha rede de mulleres profesionais do sector legal que impulsan a visibilidade, a influencia, o liderado, a educación e a cooperación para transformar a contorna na que se desenvolven.

O conselleiro de Facenda lembrou que a Xunta traballa na procura da igualdade real con múltiples iniciativas, entre as que mencionou o fomento da contratación de mulleres en sectores masculinizados ou o programa EMEGA de emprendemento feminino, que leva case tres décadas apoiando a creación de proxectos empresariais liderados por mulleres e que crean emprego feminino.

A sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acolleu esta presentación da que Miguel Corgos destacou o acerto de implicar a Galicia, para servir de inspiración a mulleres non só no ámbito legal, senón en diferentes sectores que vexan en WLW un exemplo para conseguir os seus obxectivos.

Data de actualización: 18/09/2025