Medio Rural salienta a súa aposta polo sector vitivinícola na Adega Ladairo e avanza unha vendima de calidade
A conselleira María José Gómez visitou hoxe esta bodega da Denominación de Orixe Monterrei, onde puxo en valor a importancia do sector vitivinícola para o desenvolvemento rural e a economía galega
A titular do departamento lembrou a importancia das achegas para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, que acaban de resolverse cun orzamento de subvención de 5,4 millóns de euros para 27 beneficiarios
Posteriormente reuniuse co alcalde de Laza, José Ramón Barreal, e con veciños deste concello para estudar posibles novas vías de colaboración para a xestión da biomasa no municipio
Oímbra (Ourense), 18 de setembro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou hoxe as instalacións de Adega Ladairo, no concello de Oímbra, onde puxo en valor a importancia do sector vitivinícola para o desenvolvemento rural e a economía da comunidade, e tamén avanzou as perspectivas dunha vendima caracterizada pola calidade. Salientou o apoio prestado polo Goberno autonómico a este eido, tanto especificamente para paliar os danos dos incendios forestais de agosto, como a nivel xeral e habitual a través das diferentes liñas de axudas.
María José Gómez destacou a traxectoria desta bodega, que conta con 45 anos de experiencia ás súas costas e que acumula unhas 20 hectáreas cultivadas baixo a Denominación de Orixe Monterrei. Asemade, sinalou que a Adega Ladairo foi recoñecida en numerosas ocasións con galardóns nas Catas de Galicia, “o que da boa mostra da excelente calidade das súas producións”.
A conselleira destacou que, grazas ao labor que desenvolven adegas coma esta, o sector vitivinícola galego é unha das potencias económicas da comunidade. Así, este eido aglutina máis de 10.000 viticultores e preto de 443 adegas que elaboran viño baixo algún dos selos de calidade galegos. Neste sentido, Gómez asegurou que este sector “é unha prioridade para o Goberno galego”, que amosa o seu apoio a través de diversas iniciativas.
Gómez lembrou a importancia das achegas para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, que acaban de resolverse cun orzamento de subvención de 5,4 millóns de euros para 27 beneficiarios. Fixo referencia tamén ás axudas para reestruturación e reconversión de viñedo, dotadas na última convocatoria con 4 millóns de euros, e as de promoción de viño galego en mercados de terceiros países, cun orzamento de 1,7 millóns de euros.
Cabe sinalar tamén a estratexia de dinamización territorial e turística das comarcas vitivinícolas, elaborada da man do propio sector, para poñer en valor o “inmenso potencial económico, cultural e turístico” do viño galego.
Xuntanza en Laza
Posteriormente, María José Gómez, reuniuse co alcalde do concello ourensán de Laza, José Ramón Barreal, e con veciños desta localidade para abordar algúns asuntos de interese para este municipio. Nesta xuntanza, na que tamén estivo presente a directora xeral de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, avaliaron a posibilidade de establecer novas vías de colaboración para afondar na xestión da biomasa desta contorna.
Ademais, centrándose na afectación dos incendios forestais do mes de agosto, lembrou que a Consellería do Medio Rural habilitou ata oito liñas de axudas diferentes para os damnificados polos lumes. Estas achegas cubrirán o 100 % do investimento e están dirixidas ás explotacións gandeiras, agrícolas e forestais.