O xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández Campa, e o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, interviñeron na presentación no Hospital Meixoeiro
A Xunta presenta o proxecto do Living Lab de saúde de Vigo, centrado na innovación no ámbito das demencias e o deterioro cognitivo
O laboratorio de ideas permite a colaboración de pacientes, familias, investigadores, empresas e centros tecnolóxicos para mellorar a abordaxe das enfermidades
Está aberta a convocatoria de propostas innovadoras ata o 20 de outubro
Vigo, 19 de setembro de 2025
O xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández Campa, e o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, presentaron no Hospital Meixoeiro o proxecto do Living Lab de saúde de Vigo, que está centrado nas demencias e no deterioro cognitivo.
Durante a xornada, investigadores e doutoras do Servizo Galego de Saúde falaron do desafío que suporá, nos próximos anos, o aumento das enfermidades neurodexenerativas para o ámbito asistencial e como se pode involucrar na busca de solucións innovadoras para facerlle fronte.
Tamén se debateu sobre o papel dos laboratorios de ideas como o Living Lab de Vigo, mecanismos de innovación aberta que permiten a colaboración proactiva dos usuarios e outros axentes interesados, co foco na saúde dixital e nas formas de mellora do sistema sanitario.
A convocatoria para participar no Living Lab de Vigo está aberta a entidades privadas con personalidade xurídica (sexan pemes, grandes empresas, start-ups ou empresas consolidadas), empresarios individuais, universidades públicas, organismos de investigación, centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación. O prazo para presentar propostas innovadoras, a través da sede electrónica da Xunta, rematará o vindeiro 20 de outubro.
O Living Lab está encadrado no proxecto Innov4life, coordinado pola Universidade do Porto, que conta como socios galegos co propio Servizo Galego de Saúde, ACIS, a Universidade de Santiago de Compostela, e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (Afaga).
Este proxecto conta cunha dotación global de 1,5 millóns de euros do Programa de Cooperación Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.