A Xunta remata a transformación da glorieta da estrada AC-546 en Negreira, que reforzará a seguridade no acceso ao polígono de Covas

Os traballos consistiron na conversión dunha glorieta partida nunha rotonda completa de 31 metros de diámetro exterior

Esta actuación facilitará os desprazamentos da veciñanza no ámbito da parroquia de Santa María de Covas e tamén o tránsito cara ao polígono, reforzando a súa competitividade

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2025

A Xunta vén de rematar as obras de transformación da glorieta da estrada AC-546 en Negreira, que reforzará a seguridade no acceso ao polígono industrial de Covas.

Os traballos consistiron na conversión da glorieta partida no acceso deste polígono industrial, no punto quilométrico 0+800 da AC-546, nunha rotonda completa de 31 metros de diámetro exterior.

Esta intervención, cun orzamento autonómico de preto de 50.000 euros, centrouse no peche  do anel sobre a estrada e na execución do resto de elementos necesarios para completar a glorieta.

Tamén se dispuxo unha capa de aglomerado en todo o anel da glorieta, así como no entronque dos carrís das vías de acceso á glorieta, e executáronse illotes deflectores físicos.

Ademais as obras completáronse co pintado e a disposición da sinalización horizontal.

Con esta actuación mellorarase a mobilidade en todo este ámbito da parroquia de Santa María de Covas, favorecendo os desprazamentos da veciñanza e contribuíndo a reforzar a competitividade da zona ao facilitar o tránsito cara ao polígono industrial de Covas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/09/2025