A conselleira María José Gómez participou na inauguración de Artesanamente, que se celebra esta fin de semana en Santiago e no que participan 23 artesáns alimentarios
Medio Rural destaca a importancia de dar visibilidade aos pequenos produtores agroalimentarios en mercados locais
A titular de Medio Rural reafirmou a aposta da Xunta pola “excelencia dos nosos produtos que sosteñen a marca Galicia Calidade” e por iso traballa para abrirlles todas as oportunidades posibles, como é o caso de participar en Artesanamente
Gómez puxo en valor os artesáns, cuxo labor “move a economía local, axuda ao rural, ten impacto na sociedade e transmite un saber que é parte da nosa identidade galega”
Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe a importancia de darlle visibilidade aos pequenos produtores agroalimentarios a través de iniciativas coma o mercado de artesáns e oficios tradicionais en Santiago de Compostela, denominado Artesanamente. A conselleira participou hoxe na inauguración deste evento, que celebra esta fin de semana a súa primeira edición co propósito de dar visibilidade ao talento dos artesáns locais e de achegar os seus produtos a un público que valora o auténtico, o sostible e o feito á maneira artesanal.
Neste acto, María José Gómez estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, entre outras autoridades. A conselleira salientou especialmente a participación de ata 23 produtores de artesanía alimentaria e os diferentes espazos nos que se estrutura esta actividade. Así, indicou, no propio Mercado pódese descubrir e mercar produtos únicos; no espazo A Rúa terán lugar demostracións en directo; no Eido haberá charlas e debates sobre o futuro da artesanía; e na Praza ofrecerase información das institucións que apoian o sector.
Nesta liña, a titular de Medio Rural reafirmou a aposta da Xunta pola “excelencia dos nosos produtos que sosteñen a marca Galicia Calidade”. Por iso, engadiu, desde a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, adscrita á Consellería, trabállase para abrirlles todas as oportunidades posibles, como por exemplo participar neste mercado, en conxunto coa Fundación Artesanía de Galicia.
Manter vivos os oficios
A conselleira definiu o evento Artesanamente como algo máis que cun mercado, “como unha celebración da nosa cultura, unha maneira de sentirnos parte dun legado que pasa de mans a mans e que nos fai únicos como pobo”. Neste sentido, puxo en valor o traballo dos organizadores, patrocinadores e, sobre todo, dos propios artesáns. Destes últimos afirmou que son persoas que, co seu traballo autónomo, manteñen vivos oficios que doutra forma poderían perderse.
En Artesanamente participan un total de 25 obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia especializados en forxa, tecido, madeira, elaboración de roupa e complementos de moda, coiro, cestería, elaboración de papel, cantería, xoiería, elaboración de velas, cerámica e instrumentos musicais.