As obras para humanizar a sala de espera de oncoloxía do Hospital Clínico de Santiago de Compostela acadan xa o 80 % de execución
A Xunta está a investir máis de 700.000 euros nesta actuación que supón o acondicionamento da terraza do hospital
Unicamente están pendentes os últimos traballos de carpintería e de instalacións, que está previsto rematar en outubro
Elixiuse situar a sala de espera nunha terraza para potenciar o impacto positivo do contacto coa natureza
Cada día utilizarán estas instalacións arredor de 200 pacientes, ademais dos seus acompañantes
Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2025
A Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, está a avanzar nas obras de mellora da área de espera do hospital de día de oncohematoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, que acadan xa o 80 % de execución. O obxectivo desta actuación, que supón un investimento autonómico de máis de 700.000 euros, é a humanización deste espazo.
Unicamente quedan pendentes os últimos traballos de carpintería e de instalacións. A previsión é poder rematalos no vindeiro mes de outubro.
A actuación consiste, concretamente, no acondicionamento da terraza do hospital santiagués, cuxa superficie supera os 300 m2 para lograr un espazo máis humanizado e confortable. Xa se procedeu ao peche da terraza para a súa climatización con acabados en madeira, mantendo as vistas ao Monte de Moas. Desta forma poténciase o impacto positivo nas emocións dos pacientes ao estar en contacto coa natureza.
De forma paralela, o Servizo Galego de Saúde tamén formalizou a contratación do mobiliario para equipar a nova sala de espera, cun investimento de preto de 140.000 euros. A subministración inclúe mesas auxiliares, butacas de espera xiratorias, cadeiras, sofás modulares, etc.
Esta mellora busca humanizar a sala de espera do servizo de oncoloxía do hospital compostelán, xa que os tratamentos implican encadear varias consultas e a preparación de fármacos específicos para cada paciente, polo que a súa estancia pode prolongarse varias horas. Existen máis de 300 procedementos diagnósticos e terapéuticos que poden durar desde uns minutos a 8 ou 9 horas, sendo a estancia media de 3 horas.
As necesidades da intervención foron fixadas despois de que a Xerencia da área sanitaria e responsables do servizo de oncoloxía se reuniran cunha representante dos pacientes para ter en conta as súas peticións.
Estímase que estas instalacións serán utilizadas cada día por arredor de 200 pacientes, ademais dos seus acompañantes.