O presidente da Xunta de Galicia participou no Interreg Cooperation Day 2025, celebrado no Miradoiro de Fisterra

Rueda salienta en Fisterra o papel de Galicia como faro atlántico e exemplo de cooperación europea

Reivindica o valor da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como experiencia de cooperación de éxito dentro da UE

Destaca o proxecto Atlantic Sunset, desenvolto ao abeiro do programa Interreg, que promove a posta en valor das postas de sol da Costa da Morte como recurso turístico sostible

Fisterra (A Coruña), 19 de setembro de 2025

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, participou hoxe no Interreg Cooperation Day 2025, celebrado no Miradoiro de Fisterra, onde puxo en valor a importancia da cooperación territorial e o papel estratéxico de Galicia no contexto europeo.

Rueda sinalou que Fisterra, considerado historicamente o fin do mundo coñecido, simboliza tamén un espazo de encontro e de novas oportunidades, unha mensaxe que identificou coa esencia do proxecto europeo: derrubar fronteiras, superar limitacións e construír en común o que non se podería acadar por separado.

O titular do Goberno galego subliñou que Galicia, situada no extremo occidental de Europa, converte esa condición periférica nunha vantaxe ao actuar como porta atlántica de entrada e saída ao continente. Neste senso, destacou os máis de trinta anos de traxectoria do programa Interreg, que fixo posible avanzar en ámbitos clave como a protección do medio mariño, a innovación, a mobilidade ou o turismo sostible.

O presidente galego concluíu reafirmando o compromiso da Xunta coa construción da Macrorrexión Atlántica e coa participación activa de Galicia en programas europeos de cooperación. Subliñou que a Comunidade seguirá traballando da man de Portugal e do resto de rexións atlánticas para consolidarse como un territorio de referencia na Europa atlántica, comprometido cun futuro máis cohesionado, solidario e sostible.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/09/2025