A Xunta realiza labores de conservación nun tramo fluvial de preto de 13 quilómetros no río Ouro, en Alfoz
As tarefas que realiza Augas de Galicia prolongaranse durante arredor de 13 semanas e inclúen a retirada tanto de árbores caídas como de biomasa das canles fluviais para evitar atoamentos
Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2025
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento nun tramo de preto de 13 quilómetros no río Ouro, no concello de Alfoz
As tarefas, que se desenvolverán na parroquia do castro de Ouro, consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar e realizaranse coa aplicación de motoserras e outras ferramentas manuais. Ademais, o persoal contará co apoio de maquinaria de maiores dimensións como un tractor. Os traballos, xa comunicados ao concello, prolongaranse durante arredor de 13 semanas.
Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo hidráulico dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento de zonas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación (Arpsi).
O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.