A Xunta colabora co concello de Crecente para o arranxo da cuberta da casa consistorial por importe de 60.000 euros

A directora xeral de Administración Local visitou o municipio para coñecer as actuacións de mellora que se van a executar

As obras fináncianse a través dun convenio asinado entre o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o alcalde, Julio Cesar García

Crecente (Pontevedra), 23 de setembro de 2025

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou o concello de Crecente para coñecer as actuacións que van a realizarse co apoio da Xunta na cuberta da casa consistorial do municipio. A actuación conta cunha achega de 60.000 euros (o 100% do custo da obra) aportada a través dun convenio asinado entre o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o alcalde de Crecente, Julio Cesar García.

As obras de mellora abarcan a totalidade da cuberta, así como o sistema de recollida de augas pluviais, revestimentos e outros elementos que mellorarán a impermeabilización do edificio administrativo e arranxarán as filtracións que estan a afectar a parte das instalacións. Os traballos inclúen a renovación da cubrición de tella, a colocación de caleiros e baixantes e o revestimento da caña de recollida de auga, entre outras melloras estruturais, para evitar posibles filtracións futuras e facilitar o aforro enerxético na climatización das dependencias.

Segundo sinalou Natalia Prieto, a execución desta actuación supón materializar un compromiso acadado coa sinatura do convenio co concello de Crecente para resolver os problemas existentes na casa consistorial. O obxectivo é que tanto os traballadores municipais como as persoas usuarias dispoñan de instalacións axeitadas, seguras e confortables para o desenvolvemento das súas actividades.

Outras melloras no concello

O convenio asinado que impulsa esta actuación enmárcase no apoio da Xunta ás administracións locais para a realización de melloras nas instalacións municipais e potenciar así a calidade na prestación dos servizos, coa mellora da eficiencia enerxética das súas infraestruturas.

Nesta liña, cómpre sinalar que o Goberno galego tamén colabora este ano co concello de Crecente cun investimento de 35.000 euros para acondicionar o camiño público do lugar de Pazo, na parroquia de Albeos, dentro das actuacións realizadas ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público da dirección xeral de Administración Local.

Máis de 700 actuacións en 2024

A directora xeral de Administración Local puxo en valor o compromiso da Xunta cos concellos galegos coa distribución o ano pasado de máis de 32 millóns de euros na execución de case 700 proxectos municipais. Neste montante inclúense os 93 concellos de menos de 15.000 habitantes beneficiarios o ano pasado cos 5 millóns da liña do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, as 107 entidades ás que se lle financiaron proxectos por importe total de 3,5 millóns da Orde de infraestruturas de uso público, as 230 que recibiron achegas do Fondo de Compensación Ambiental, os 20 proxectos de carácter estratéxico financiados con máis de 8,2 millóns de euros ou os 51 concellos de menos de 30.000 habitantes beneficiarios dos 5,2 millóns de euros cofinanciados con fondos Feder para o período 2024-2025.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/09/2025