A Xunta impulsa melloras na casa-escola de Caroi en Cerdedo-Cotobade cunha achega de 50.000 euros
A directora xeral de Administración Local e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra comprobaron as obras financiadas a través da Orde de Infraestruturas de uso público
Están a renovarse os encintados da fachada, o illamento térmico do teito, instalarase unha estufa de pellets e actualizarase o sistema de depuración de augas
A iniciativa enmárcase no apoio do Goberno galego aos concellos, especialmente aos de menor poboación para facilitarlle á veciñanza dotacións e servizos de calidade
Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 24 de setembro de 2025
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitaron hoxe a antiga casa-escola das nenas, reconvertida actualmente en centro sociocultural, da parroquia de Caroi; para coñecer as melloras que se están executando co apoio da Xunta. As obras contan cunha achega autonómica de 50.000 euros no marco da Orde de infraestruturas de uso público, dirixida aos concellos de menos de 30.000 habitantes.
As obras buscan arranxar os problemas de filtracións e humidade que afectaban ao correcto desenvolvemento das diferentes actividades que realizaban os veciños. Para reparar isto, están a renovarse os encintados da fachada sur, a máis exposta ás chuvias; aplicarase illamento térmico nos teitos e substituirase a carpintaría exterior, as fiestras e as portas para, tamén, mellorar o illamento. Ademais, instalarase unha estufa de pellets con canalización de aire e actualizarase o antigo o sistema de depuración, que quedara obsoleto. Estas obras non só crean un espazo máis cómodo e confortable para os usuarios, senón que reducen os custos e o impacto enerxético das instalacións municipais.
A directora xeral destacou a importancia da mellora das infraestruturas municipais a través da colaboración cos concellos, como entidades máis próximas á cidadanía e motores do desenvolvemento económico, especialmente en espazos que contribúen a mellorar calidade de vida da veciñanza independentemente do seu lugar de residencia.
Con respecto a esta liña de axudas, a directora xeral lembrou que a Xunta investiu este ano 3,5 millóns de euros para impulsar máis dun cento de proxectos municipais en toda Galicia, unha vintena deles en Pontevedra como é o caso de Cerdedo-Cotobade.
Máis de 700 actuacións en 2024
A directora xeral de Administración Local puxo en valor o compromiso da Xunta cos concellos galegos coa distribución o ano pasado de máis de 32 millóns de euros na execución de case 700 proxectos municipais. Neste montante inclúense, precisamente, as 107 entidades beneficiarias desta Orde de infraestruturas de uso público, ademais das 230 que recibiron achegas dos 5 millóns de euros procedentes do Fondo de Compensación Ambiental ou os 20 proxectos de carácter estratéxico financiados con máis de 8,2 millóns de euros, os 93 concellos de menos de 15.000 habitantes beneficiarios o ano pasado cos 5 millóns da liña do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local e os 51 concellos de menos de 30.000 habitantes beneficiarios dos 5,2 millóns de euros cofinanciados con fondos Feder para o período 2024-2025.