A Xunta adxudica por 2 M€ as obras de reforzo do firme en tres estradas ao seu paso por oito concellos en Pontevedra

Acondicionarase o firme en varios treitos das estradas PO-402, PO-523 e PO-354 ao seu paso polos concellos da Guarda, As Neves, Mondariz, Oia, O Rosal, Pazos de Borbén, Ponteareas e Salvaterra de Miño

Os traballos, que teñen un prazo de execución de 6 meses, consistirán na rehabilitación de varios treitos de firme destas estradas, restaurando as características do pavimento, adecuando as súas necesidades funcionais e de durabilidade

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas adxudicou por un importe de  2 M€ as obras de reforzo de firme en tres estradas autonómicas na provincia de Pontevedra.

Este contrato, adxudicado á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos  S.L.U., asinarase nos vindeiros días, coa previsión de iniciar as obras en outubro. Contan cun prazo de execución de 6 meses.

O obxectivo é levar a cabo unha renovación do firme para o mantemento e conservación de varios treitos dos viarios PO-402, PO-523 e PO-354, ao seu paso polos concellos da Guarda, As Neves, Mondariz, Oia, O Rosal, Pazos de Borbén, Ponteareas e Salvaterra de Miño.

As intervencións consistirán na rehabilitación de zonas de firme destas estradas mediante fresados localizados, selado de fisuras e renovación e homoxeneización da rodaxe para adecuar as necesidades funcionais e de durabilidade.

A maiores, inclúese tamén a reposición de marcas viarias nos treitos de actuación de todas as estradas, colocación de elementos de balizamento nestes tramos onde sexa preciso, a execución de elementos de seguridade viaria e a limpeza e reapertura de cunetas.

A Administración autonómica segue a traballar para manter as estradas da súa titularidade nas mellores condicións e para garantir a seguridade aos usuarios.

Data de actualización: 27/09/2025