A Xunta celebrará a Semana Mundial do Espazo cun maratón de actividades para fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre o alumnado da ESO
Enmarcado na Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo terá lugar en Lugo, Santiago de Compostela, Ourense e Nigrán do 7 ao 10 de outubro
Conta coa colaboración de representantes do sector como Kreios Space, UARX Space, Airbus, Avincis, Tecnobit, Telespazio e a Universidade de Vigo, ademais do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) e a asociación Ellas Vuelan Alto
Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2025
A Xunta de Galicia promove do 7 ao 10 de outubro un completo programa de actividades con motivo da celebración da Semana Mundial do Espazo, unha iniciativa internacional proclamada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas no ano 2000 e destinada á divulgación da contribución da ciencia e da tecnoloxía á mellora da condición humana.
Enmarcada na Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo, a Xunta impulsa por vez primeira en Galicia esta celebración que este ano 2025 se convoca baixo o lema Vivir no espazo. As actividades terán lugar en Lugo, Santiago de Compostela, Ourense e Nigrán e contarán coa colaboración de representantes do sector como Kreios Space, UARX Space, Airbus, Avincis, Tecnobit, Telespazio, a Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago de Compostela, ademais do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) e a asociación Ellas Vuelan Alto.
As actividades comezarán o 7 de outubro na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, a partir das 10:00 horas, coa presentación da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo e con dúas charlas sobre a tecnoloxía detrás dos drons e sobre a contribución de España á nova era espacial, a cargo de representantes de Tecnobit e de Telespazio Ibérica.
O martes, 8 de outubro, o escenario da actividade será a Facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela, onde o equipo de Kreios Space falará sobre oportunidades laborais no sector espazo, emprendemento deep-tech e motores satelitais. Cabe sinalar que esta compañía radicada en Galicia despois do seu paso pola Business Factory Aero da Xunta acaba de pechar unha rolda de investimento de 8 millóns de euros do fondo de innovación da OTAN.
A programación da Semana Mundial do Espazo trasladarase o xoves, 9 de outubro, ás instalacións de UARX Space en Nigrán, onde se celebrará un hackaton dirixido a alumnado de ESO de Galicia, no que os participantes terán que construír un satélite a partir dos materiais facilitados. Nesta actividade colaboran Airbus e a Universidade de Vigo.
Unha xornada divulgativa sobre o pasado, presente e futuro da exploración espacial, que terá lugar no Edificio Politécnico do campus de Ourense, pechará o programa de actividades o venres, 10 de outubro. Durante a mesma os participantes coñecerán como o espazo coida da Terra. Nesta última xornada haberá charlas, talleres e exposicións nos que colaboran a Universidade de Vigo, o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), Airbus e a asociación Ellas Vuelan Alto.