Fabiola García recibe na praza do Obradoiro a un grupo de persoas que realizan o Camiño de Santiago en favor dos enfermos de ELA
A conselleira de Política Social e Igualdade lembra que Galicia foi a primeira comunidade en contar cunha axuda directa de ata 12.000 euros ao ano para estes pacientes
Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, recibiu hoxe na praza do Obradoiro a un grupo de membros colectivo sen ánimo de lucro Hoy camino por ti que realizaron o Camiño de Santiago pola Vía da Prata para dar visibilidade á ELA e concienciar sobre esta enfermidade. Ademais, recadaron fondos para axudar á asociación ELA Andalucía.
O punto de partida deste grupo, integrado por preto de 30 persoas, foi a Catedral de Sevilla. Desde alí, percorreron o Camiño de Santiago por etapas, que realizaron en diferentes fins de semana.
Fabiola García, que felicitou a Hoy camino por ti polo seu compromiso coa ELA, destacou a importancia de dar visibilidade a esta enfermidade, ao tempo que lembrou que Galicia foi a primeira comunidade en contar cunha axuda directa de ata 12.000 euros ao ano para que as persoas que teñan diagnosticada esta doenza poidan facer fronte aos diferentes gastos asociados. Neste sentido, destacou que a convocatoria deste ano está aberta ata o vindeiro 3 de novembro.