María José Gómez define a Feira de Artesanía e produtos da zona de Triacastela como escaparate do sector agroalimentario galego
A conselleira do Medio Rural foi a pregoeira da 13ª edición que se celebra hoxe na localidade lucense
O evento contou con degustacións gastronómicas a cargo da Consellería e da food truck de Galicia Sabe A Mar, ademais de obradoiros de Artesanía de Galicia
Triacastela (Lugo), 28 de setembro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, foi hoxe a pregoeira da XIII Feira de Artesanía e Produtos da Zona de Triacastela, festividade que definiu como un escaparte para o sector agroalimentario galego. Durante a súa intervención, a conselleira puxo en valor a cultura, tradición e paisaxes desta localidade lucense que, ademais, está marcada pola súa vinculación co Camiño de Santiago. Tamén quixo lembrar o papel de Triacastela á hora de preservar a tradición no ámbito da gandaría, xa que é o lugar onde se comezou a recuperar a raza autóctona de porco celta a mediados dos anos 90, ao mesmo tempo que se apostaba pola cría de vacas cachenas.
Neste sentido, Gómez salientou que estas iniciativas axudan a preservar especies únicas, senón que tamén manteñen viva a actividade do rural, xeran postos de traballo e fortalecen as aldeas. Ademais, quixo destacar que nesta feira poden atoparse produtos de gran calidade e tradición, que contribúen a dinamizar a economía local ao mesmo tempo que manteñen vivas as vilas.
A Feira de Artesanía e Produtos da Zona contou con degustacións gastronómicas de produtos de calidade diferenciada da Consellería do Medio Rural, e da food truck de Galicia Sabe A Mar, da Consellería do Mar. A maiores, nesta feira tamén estiveron presentes obradoiros de Artesanía de Galicia. Así mesmo, a Fundación Artesanía de Galicia -dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración- patrocina un obradoiro de cianotipias impartido por María José Martínez e José Carrera, do obradoiro Peixesapop.