Lete remarca a importancia do deporte en Galicia cun impacto do 1,3% do PIB na inauguración do Máster de Xestión Empresarial de Ourense
O posgrao é un programa único en Galicia e dos poucos en España que se atopa no Top 20 do ranking mundial de másters en Sport Management
Ourense, 26 de setembro de 2025
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, inaugurou na tarde de hoxe o Máster en Xestión Empresarial do Deporte, da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense da Universidade de Vigo.
Lete Lasa definiu a este posgrao oficial como un programa único en Galicia e dos poucos en España que se atopa no Top 20 do ranking mundial de másters en Sport Management elaborado por Sport Business International.
O mandatario galego subliñou a importancia da formación permanente como “unha dimensión esencial para a necesaria actualización diaria, tanto académica como laboral, de todos os profesionais”. Do mesmo xeito, lembrou algúns dos datos máis salientables do deporte galego que conta xa con “320.000 licenzas, un 3,4% máis que en 2023, das que 98.650 son femininas; un sistema de 1.683 deportistas recoñecidos de alto nivel, dos que o 41% son mulleres, unha proporción que sobe ano tras ano; un ámbito, en definitiva, de 234 equipos de alta competición, 14 núcleos de adestramento deportivo especializado repartidos pola xeografía galega, un centro de tecnificación camiño cara ao primeiro centro de Alto Rendemento de Galicia, ou un programa de xeneralización deportiva de base con 147.000 nenos e nenas directamente mutualizados pola Xunta de Galicia”.
Neste sentido, Lete Lasa lembrou que o pasado 27 de decembro de 2024 o IGE publicaba o primeiro informe da ‘Conta Satélite do Deporte’ medida pioneira no conxunto do Estado, xa que esta operación estatística non existe en ningunha outra comunidade autónoma nin na propia Administración Xeral do Estado, así como é unha das poucas en funcionamento no contexto da Unión Europea. A contribución total do sector deportivo á economía galega ascendeu en 2022 ao 1,3% do Produto Interior Bruto, así como o 1,95% sobre o emprego, xerando 22.140 postos de traballo.