Medio Rural destaca a importancia do sector da planta ornamental e a flor cortada para Galicia

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria reuniuse hoxe con representantes da Asociación de Viveiristas do Noroeste para abordar algunhas cuestións de interese para este eido 

Martín Alemparte salientou que a Consellería do Medio Rural conta cunha oferta formativa propia que, dentro do viveirismo, inclúe ciclos de Paisaxismo e Medio Rural e de Xardinaría e Floraría, así como un curso de especialización de Florería e Arte Floral

Lembrou que a Xunta puxo en marcha unha planificación estratéxica específica para este sector, co obxectivo de fortalecer o seu impacto económico, social e ambiental

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2025

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, mantivo hoxe unha reunión con representantes da Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor), na que abordaron algunhas cuestións de interese para o sector da planta ornamental e da for cortada na nosa comunidade, un ámbito de especial importancia en Galicia e que se fomenta desde o Goberno galego.

Deste xeito, Alemparte salientou que a Consellería do Medio Rural conta cunha oferta formativa propia centrada na rama agraria e que, dentro do viveirismo, inclúe ciclos de Paisaxismo e Medio Rural e de Xardinaría e Floraría; ademais do novo curso de especialización en Florería e Arte Floral deste ano, que se imparten no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo, no concello coruñés de Abegondo.

Avaliaron diferentes liñas de colaboración para seguir afondando no impulso do sector da planta ornamental na comunidade, que pasan por favorecer a participación de entidades como Asvinor en feiras internacionais de referencia. Así, destacou a participación da Xunta no evento Iberflora, que se celebrará en Valencia dende o 14 ao 16 de outubro, e na que participarán as empresas Veraleza, Coplant, Viveros Juan Peixoto, Vinicius Terrae, Viveros de Romai e Viveros Nilo.

Por último, cómpre lembrar que a Consellería puxo en marcha unha planificación específica para contribuír ao desenvolvemento deste sector, a Estratexia da Planta Ornamental e a Flor Cortada de Galicia, e que ten como obxectivo fortalecer o impacto económico, social e ambiental que ten este sector en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/09/2025