A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse esta tarde coa rexedora da localidade
A Xunta informa ao concello de Rairiz de Veiga das axudas que pon á disposición das entidades locais para mellorar as redes de abastecemento e de saneamento
Explica que, ao abeiro destes apoios, o concello podería financiar actuacións como a construción de depósitos de abastecemento en Fontefría e Forxás ou as melloras do servizo na Venda e Sabariz
Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2025
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reuniuse esta tarde coa alcaldesa de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade, para abordar proxectos de interese para o municipio en materia de augas.
Durante o encontro, a conselleira informou á alcaldesa das axudas que convoca periodicamente Augas de Galicia para a execución de actuacións para minimizar as perdas de auga en concellos cunha poboación menor de 20.000 habitantes así dos incentivos existentes en materia de saneamento.
Segundo explicou a conselleira, ao abeiro destas axudas, as administracións locais beneficiarias reciben achegas de ata un máximo de 45.000 euros coas que poden cubrir o 100% do custo daquelas obras identificadas como máis eficaces para optimizar o funcionamento das súas redes de abastecemento e de saneamento.
Deste xeito, o concello podería acollerse a estas liñas de financiamento para acometer os proxectos que a alcaldesa presentou hoxe á conselleira. En concreto, o proxecto para construír depósitos de abastecemento en Fontefría e Forxás, así como para mellorar o abastecemento na Venda e o depósito de auga de Sabariz.
Nese senso, cómpre subliñar que aínda que a prestación dos servizos municipais de augas son unha responsabilidade de competencia municipal, a Xunta leva anos prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o necesiten.
Nesa liña, durante a reunión, a conselleira sinalou que este mesmo mes de setembro Augas de Galicia ampliou ata os 4,35 millóns de euros o orzamento asignado á convocatoria de 2025 das axudas para executar actuacións destinadas a minimizar as perdas de auga nos concellos galegos, cuxo prazo de solicitude rematou o pasado mes de maio, co obxectivo de poder atender todos os proxectos que cumprían os requisitos.
Augas de Galicia conta este ano cun orzamento de 144 millóns de euros -un 5% máis que o ano anterior- para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación, así como a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.