O conselleiro de Sanidade, xunto co xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, e do xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández Campa, interveu na entrega dos V Premios de Innovación en Saúde no sistema público de Galicia

Gómez Caamaño subliña o compromiso de pacientes e profesionais coa modernización da sanidade pública a través de solucións eficaces e innovadoras

Destaca que se presentaron 72 candidaturas de novas ideas para promover accións que repercutan directamente na calidade asistencial

Recoñécense iniciativas de pacientes da Asociación Dano Cerebral Adquirido de Ourense e da Asociación de familiares de enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Galicia

Na modalidade de profesionais prémianse o modelo integral de atención a procesos liderados por enfermería, que se está a probar no centro de saúde da Estrada, e o programa de fisioterapia comunitaria da área sanitaria de Vigo

Vigo, 30 de setembro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, remarcou hoxe o compromiso de pacientes e profesionais coa modernización da sanidade pública a través de solucións eficaces e innovadoras.

Así o sinalou no acto de entrega dos V Premios de Innovación en Saúde no sistema público de Galicia, celebrado no Hospital Público Álvaro Cunqueiro, no que tamén participaron o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, e o xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández Campa.

O conselleiro de Sanidade resaltou o incremento progresivo do número de candidaturas que se presentan a estes premios convocados pola Xunta, chegando a 72 nesta edición. En particular, 49 das candidaturas corresponden á modalidade de ideas de profesionais e 23 á de pacientes. Ademais, 22 das ideas chegaron da área sanitaria de Vigo.

Estas propostas formúlanse con ánimo construtivo para desenvolver solucións innovadoras e creativas, con visión social e orientadas a promover accións que repercutan de forma directa na calidade asistencial.

Gómez Caamaño destacou as iniciativas galardoadas na modalidade de pacientes: o primeiro premio foi para un proxecto da Asociación Dano Cerebral Adquirido de Ourense que complementa a atención ás familias despois da fase de hospitalización, apoiando a súa recuperación; o segundo premio recoñece o videoxogo deseñado nunha contorna científica pola Asociación de familiares de enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Galicia (Afaga). Esta ferramenta permite o cribado de sinais de deterioro cognitivo dunha maneira máis áxil, afondando no diagnóstico precoz que é clave na abordaxe de enfermidades neurodexenerativas.

Na modalidade de profesionais, o proxecto gañador do primeiro premio foi o modelo integral de atención a procesos liderados por enfermería mediante protocolos de xestión da demanda. De forma piloto, estase a desenvolver no centro de saúde da Estrada xa con preto de 20 protocolos activos.

En segundo lugar premiouse o innovador programa de fisioterapia comunitaria da área sanitaria de Vigo, que combina educación para a saúde co exercicio terapéutico.

Gómez Caamaño puxo de relevancia que os dous mellores proxectos no apartado do persoal do Servizo Galego de Saúde nazan no ámbito da atención primaria, que sinalou como un dos campos nos cales é máis necesario innovar para responder con éxito aos novos desafíos da asistencia sanitaria pola evolución demográfica e pola falta de profesionais en determinadas categorías.

Para impulsar o ecosistema innovador e participativo na sanidade pública, a Consellería de Sanidade creou recentemente a Rede de Nodos de Innovación Sanitaria. Desta forma, foméntase a creación de novas alternativas de maior valor e impacto para a cidadanía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/09/2025