A Xunta destaca na Feira Fruit Attraction de Madrid a calidade dos produtos hortofrutícolas galegos
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu hoxe á primeira xornada deste evento que se celebrará ata este xoves no recinto de Ifema en Madrid
Un total de seis empresas galegas do sector, xunto cos consellos reguladores das IXP Pataca e Castaña de Galicia e Pemento de Oímbra, así como do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica, están presentes no posto da Xunta
Nesta edición, que conta 2.500 expositores de 150 países, agárdase a asistencia de arredor de 120.000 visitantes, superando as cifras da anterior
Madrid, 30 de setembro de 2025
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe na inauguración da XVII edición da feira Fruit Attraction que se celebrará ata este xoves en Ifema. Coa súa presenza neste evento, a Consellería do Medio Rural destaca a calidade dos produtos hortofrutícolas galegos cun espazo propio.
Así, na feira están representados baixo o paraugas da Xunta os consellos reguladores das indicacións xeográficas protexidas (IXP) Castaña e Pataca de Galicia, Pemento de Oímbra e o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia, así como as empresas galegas Porto-Muíños S.L., Freshcut, Legufrut Agro S.L.U., Miguel Areán e Hijos S.L., Horsal Cooperativa Galega e Agrocebola S.L.
No contexto desta feira, Martín Alemparte salientou o alto nivel das producións da nosa comunidade e reafirmou o compromiso de Medio Rural con este sector. Neste sentido, cómpre salientar que a Consellería conta con iniciativas como o Plan Estratéxico da Horta de Galicia 2023-2030, unha folla de ruta para reforzar a posición da nosa comunidade como referente da produción hortícola de calidade.
Fruit Attraction
Con 2.500 expositores de 150 países repartidos en 10 pavillóns, Fruit Attraction convértese cada ano no marco mundial de referencia da comercialización de produtos frescos. Nesta edición agárdase a asistencia de arredor de 120.000 visitantes, superando as cifras do pasado ano. Ademais, a organización desta feira volve apostar pola innovación e o coñecemento como paires clave da súa proposta de valor.