Máis de 150 establecementos da provincia de Pontevedra adheridos á campaña do Bono Turístico, que xa está en marcha

A Xunta investiu 1 millón de euros e espera mobilizar preto de 2,5 millóns

O delegado lembrou os bos resultados desta campaña en anos anteriores

A Lama (Pontevedra), 1 de outubro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o hotel Villa Boutique 1880, no concello da Lama, para informar sobre a campaña do Bono Turístico.

Así, Reguera lembrou que o prazo para usar os 16.666 bonos turísticos emitidos pola Xunta arrancou o pasado 15 de setembro e rematará o 25 de decembro. Desta forma o Goberno galego investiu 1 millón de euros co que espera mobilizar ata 2,5 millóns de euros.

Neste sentido, o delegado destacou os bos resultados que “ten demostrado esta campaña e que en anos anteriores contribuíu de forma importante á descentralización e desestacionalización do turismo en Galicia”.

No que se refire aos establecementos de aloxamento turísticos e ás axencias de viaxes, o delegado animou aos negocios a seguir adheríndose a este programa para beneficiarse do mesmo, xa que o prazo para sumarse rematará o 1 de decembro deste ano. Poden apuntarse aqueles establecementos da comunidade autónoma e axencias de viaxes que teñan un centro de traballo en Galicia e desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado á comunidade. Ademais deberán estar dados de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT).

Neste senso, recalcou que os establecementos adheridos xa son máis de 520 en Galicia, dos cales máis de 150 están na provincia de Pontevedra.

Toda a información sobre a iniciativa está dispoñible en www.bonoturismo.gal. Cada persoa accedeu a un máximo de dous bonos, cada un dun importe de 150€,  cofinanciados nun 40% pola Xunta de Galicia e nun 60% polas persoas solicitantes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/10/2025