A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse hoxe co alcalde da localidade
A Xunta e o concello de Vilanova de Arousa avanzan na renovación da impulsión á EDAR de Tragove tras asumir Galicia a xestión do seu litoral
Ángeles Vázquez traslada ao rexedor que Augas de Galicia prevé que estea concluída a tramitación do proxecto a vindeira semana, dando así solución á situación actual
Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2025
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, reuníronse esta mañá para abordar o proxecto para renovar a impulsión que une esta localidade coa estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Tragove, no concello de Cambados.
A conselleira trasladoulle ao rexedor que, toda vez que a Xunta comezou a xestionar plenamente o litoral o pasado 1 de xullo, Augas de Galicia prevé ter concluída a tramitación do proxecto a vindeira semana, dando solución, así, á situación actual.
O alcalde de Vilanova de Arousa, pola súa banda, expresou a súa preocupación pola problemática xerada ante a negativa do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, ao non autorizar esta actuación.
Trátase dun proxecto de gran relevancia para a contorna, tanto pola súa dimensión económica como social, dada a melloría que suporá para a calidade ambiental das augas da ría de Arousa e do servizo de saneamento dispensado á veciñanza.
Cómpre lembrar que, aínda que a prestación deste servizo é unha responsabilidade de competencia municipal, a Xunta leva anos prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o necesiten.
De feito, o orzamento de Augas de Galicia sobe este ano 2025 preto dun 5%, ata os 144 millóns de euros, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación, así como a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.