A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral técnico, Yago Borrajo Sánchez, asinou co alcalde o convenio para o financiamento da actuación
A Xunta colabora co Concello de Pontedeume na humanización da Avenida de Ferrol
O Goberno galego financia esta intervención cun préstamo por algo máis de 600.000€ do Fondo de Cooperación, a través desta liña dirixida a municipios de menos de 50.000 habitantes
Con esta medida, o departamento que dirixe María M. Allegue presta apoio aos municipios con menos poboación para levar a cabo a conservación de patrimonio, rexeneración urbana ou adquisición de inmobles
Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2025
A Xunta colabora co Concello de Pontedeume na humanización da Avenida de Ferrol.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral técnico, Yago Borrajo, asinou co alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro, o convenio para a concesión dun préstamo por un importe total de 600.476,36 euros do Fondo de Cooperación da Xunta para municipios de menos de 50.000 habitantes.
En concreto, o obxectivo do convenio firmado esta tarde en San Caetano é levar a cabo no municipio coruñés as obras de humanización da Avenida de Ferrol. A intervención permitirá actuar nun tramo desta avenida do municipio coruñés, na que se realizarán unha renovación de pavimentos na súa sección transversal e se engadirán novos que permitan espazos axardinados ou o crecemento do verde en zonas de estacionamento. Tamén se prevé no proxecto do Concello a colocación de elementos de descanso ó longo da avenida que permitan un percorrido máis cómodo e inclusivo.
Neste sentido, esta intervención desenvolverase mediante esta iniciativa da Xunta que está destinada a financiar obras de conservación de patrimonio, rexeneración urbana ou adquisición de inmobles para rehabilitar en municipios con poboación máis pequena.
Este préstamo sen xuros, a devolver en 8 anos, correspóndese á convocatoria 2025 desta liña de achegas, dotada dun total de 3,7M€, e que estará aberta ata o vindeiro 15 de outubro.