O conselleiro de Sanidade, acompañado da directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, e da directora xeral de Saúde Pública, interveu no acto de inauguración da Xornada Muller Hoxe

Gómez Caamaño destaca a aposta da Xunta pola inclusión da perspectiva de xénero na asistencia sanitaria e defende o fomento de iniciativas centradas na saúde da muller

Subliña que o seu departamento ten moi presente a perspectiva de xénero, como o demostra a Estratexia Galega de Saúde 2030, que introduce unha visión integral da saúde da muller

Remarca que a Xunta quere afondar nas diferenzas de saúde entre homes e mulleres, para enfocar a atención sanitaria desde unha perspectiva de xénero, repercutindo de xeito favorable na saúde e na calidade de vida do colectivo feminino 

Considera necesario incorporar a mirada de xénero na práctica clínica diaria e esixir que os estudos clínicos inclúan mulleres en todas as etapas da súa vida

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe a aposta da Xunta pola inclusión da perspectiva de xénero na asistencia sanitaria e referiu que o seu departamento está a traballar en novas medidas centradas na atención e na saúde da muller, poñendo o foco na atención primaria.

O titular da carteira sanitaria, acompañado da directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López, e da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, interveu no acto de inauguración da Xornada Muller Hoxe, organizada pola Xunta en colaboración con Organon, compañía que ten como obxectivo axudar a mellorar a saúde integral das mulleres.

O conselleiro subliñou que a perspectiva de xénero xoga un papel determinante no diagnóstico e no tratamento precoz dalgunhas patoloxías e, en consecuencia, resulta fundamental incorporar este enfoque nas políticas sanitarias.

Gómez Caamaño remarcou que o seu departamento ten moi presente este enfoque, como demostra a Estratexia Galega de Saúde 2030, documento que introduce unha visión integral da saúde da muller e incorpora a perspectiva de xénero nas doenzas nas que existen diferenzas segundo o sexo.

Ao respecto deste tema, o conselleiro puxo como exemplo a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica, patoloxía na que as mulleres non só teñen máis dificultades para seren diagnosticadas, senón que experimentan síntomas máis severos, xunto cunha peor calidade de vida.

O máximo responsable da Sanidade galega remarcou que o seu departamento quere abordar e afondar nas diferenzas de saúde entre homes e mulleres para enfocar a atención sanitaria desde unha perspectiva de xénero e que isto repercuta de xeito favorable na saúde e na calidade de vida do colectivo feminino.

Incidiu en que non basta con recoñecer as diferenzas xa que é necesario incorporar esa mirada de xénero na práctica clínica diaria e esixir que os estudos clínicos inclúan mulleres en todas as etapas da súa vida.

Intervención dos profesionais da xornada

Na xornada, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, presentou a Enquisa Saúde e Muller.

Tamén se celebrou unha mesa coloquio na que Ana Pereda, da Unidade de Reprodución Asistida do Hospital Universitario da Coruña, falou de fertilidade e muller; Laura Ramos, do Servizo de Neuroloxía do Hospital Universitario de Pontevedra, abordou o impacto da migraña no colectivo feminino; Mila Pedreira, do servizo de Cardioloxía do Hospital Universitario de Santiago de Compostela falou de corazón e muller; Luis León, tamén do hospital santiagués, abordou a temática de Cancro e Muller; Yolanda Moares, técnica do Servizo Galego de Saúde, abordou a Epoc e a muller; e Manuel Anxo Blanco, de Organon, explicou o Proxecto Miranda que levan a cabo. 

A xornada foi clausurada pola secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/10/2025