O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou hoxe na inauguración da exposición, que se poderá visitar na Casa de Galicia en Madrid deica o 30 de outubro

A Xunta leva a Madrid a exposición ‘Artesanía no Prato’ para seguir promovendo os contactos comerciais entre artesáns e restauradores

José González celebrou o éxito da iniciativa que vincula artesanía e gastronomía en eventos recentes como o de Lisboa, onde asistiron máis de 200 prescritores e se materializaron contratos entre numerosos obradoiros galegos e chefs portugueses

Destacou que grazas ao proxecto pioneiro ‘Artesanía no Prato’, máis de 50 artesás e artesáns galegos están traballando con proxectos de restauración de todo o mundo, así como con grandes empresas distribuidoras de enxoval para hostalaría

Apostou pola remuda xeracional nun sector crucial como a artesanía, con iniciativas como o programa formativo `Aprender da tradición´ que vén de anunciar novos cursos ou as futuras bolsas para aprendices que alentarán as novas vocacións artesás

Madrid, 2 de outubro de 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou hoxe na inauguración da exposición Artesanía no Prato na Casa de Galicia en Madrid. Alí, puxo en valor esta iniciativa que promove as pezas de Artesanía de Galicia como soporte da gastronomía, apostando polo mantemento e futuro dos oficios tradicionais ao tempo que os chefs poden transmitir exactamente o que buscan cos seus pratos e que as persoas consumidoras ven enriquecida a súa experiencia sensorial ao degustar as propostas culinarias.

Dispoñible deica o 30 de outubro, o conselleiro destacou que a mostra consta de fotografías de Stéphane Lutier reflectindo o vínculo entre as pezas de Artesanía de Galicia e a gastronomía, dous ámbitos—segundo destacou— vinculados estreitamente co territorio e coa produción local. Tamén se poderá contemplar un bodegón artesanal de diferentes oficios facendo un percorrido polos doce anos de andaina que acumula Artesanía no Prato.

Como perfecto exemplo en vivo, na súa intervención, González puxo de relevo as propostas gastronómicas sobre pezas artesanais que acollerá hoxe a Casa de Galicia a cargo do chef do Grupo Nove Miguel Vidal, galego propietario en Madrid do restaurante Morgana e da empresa de comida para levar Mai e Matucha, e chef director de Bacanal. Por último, o próximo martes 14 de outubro haberá unha mesa redonda na que participarán tanto cociñeiros e cociñeiras como persoas artesás, xunto coa xornalista Macarena Navarro-Reverter, para falar do proxecto Artesanía no Prato e da última edición do libro homónimo presentado este ano en Fitur.

Expansión da iniciativa

O conselleiro destacou que —grazas a Artesanía no Prato— máis de 50 obradoiros artesanais da nosa Comunidade están traballando xa con restaurantes galegos, nacionais (da propia Comunidade de Madrid, pero tamén de País Vasco, Cataluña, Andalucía e Comunidade Valenciana) e internacionais, así como con grandes empresas de distribución de enxoval para hostalería. Uns vínculos comerciais que prevé que se sigan multiplicando, grazas a eventos como o de hoxe ou o do pasado setembro en Lisboa ante máis de 200 prescritores portugueses.

Salientando que moitas persoas artesás que se suman á iniciativa mesmo se foron especializando nesta liña de traballo, augurou un longo camiño de crecemento e de progreso para o sector con novas accións nas próximas semanas e meses, en diferentes puntos de España e de todo o mundo. Un sector que —segundo recordou— conta co apoio firme por parte da Xunta de Galicia, non só polo seu papel definitorio da idiosincrasia e tradición galegas senón tamén polo que supón como motor económico no rural e como vertebrador do territorio. 

En concreto, referiuse ao labor da Fundación Artesanía de Galicia e á marca Artesanía de Galicia como selo de calidade e identidade, ás axudas para o fomento da comercialización da artesanía de Galicia ou ao Plan estratéxico do comercio 2025-2030 que recolle medidas específicas para fomentar novas vocacións artesanais.

A maiores, resaltou o programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, co que se impulsa a formación para a remuda xeracional en oficios tradicionais e que vén de anunciar novos cursos de xastrería ou sombreirería que comezarán a semana que vén. Tamén as futuras bolsas para aprendices, que permitirán a transmisión do saber artesán ás novas xeracións, ou os Premios Artesanía de Galicia, que encaran fase de valoración das candidaturas recibidas para a edición deste 2025 en tres categorías (Premio Artesanía de Galicia, Premio Traxectoria e as bolsas Eloy Gesto).  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/10/2025