Medio Rural destaca a calidade da Faba de Lourenzá amparada pola indicación xeográfica protexida
No marco da festividade desta produción, a conselleira María José Gómez lembrou que a Xunta convocou achegas para esta IXP co fin de cubrir parcialmente os sobrecustos que implica producir este feixón galego con estándares de calidade superiores aos comúns e para paliar as consecuencias das malas colleitas dos últimos anos
Gómez anunciou tamén que o centro de formación e experimentación agroforestal (CFEA) Pedro Murias de Ribadeo acollerá os vindeiros días 7 e 8 de novembro un curso formativo centrado na faba
Lourenzá (Lugo), 4 de outubro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu hoxe á XXXIII Festa da Faba de Lourenzá, onde destacou a calidade da produción amparada baixo a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Faba de Lourenzá. Sinalou que, segundo os datos recollidos durante o ano 2024, esta IXP acadou unha produción comercializada de case 14.000 quilogramos.
Gómez lembrou que este ano a Xunta convocou achegas para esta IXP coa finalidade de cubrir parcialmente os sobrecustos que implica producir este feixón galego con estándares de calidade superiores aos comúns, a maiores de axudar a paliar os danos provocados polas choivas intensas de primavera de 2024 que afectaron á colleita. Esta convocatoria resolveuse cun investimento de 68.000 euros que percibiron todos os fabeiros que cumpriron os requisitos.
Seguindo esta liña, a conselleira afirmou que o Goberno autonómico apoia o sector da faba a través de medidas complementarias, como liñas de investigación a través do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e accións para o fomento da IXP e para impulsar a incorporación de produtores ao distintivo. Ademais, estase a traballar na posta en marcha de espazos de especialización e innovación agraria nos diferentes centros dependentes da Consellería, tomando como referencia o Pedro Murias no caso da faba. Precisamente, Gómez anunciou hoxe que este centro formativo acollerá un curso vinculado á faba os vindeiros días 7 e 8 de novembro.