A Xunta destinou preto de 4 millóns de euros ao impulso da dixitalización, modernización e sustentabilidade de 730 comercios locais e artesanais
O delegado territorial visitou o local de New Bikes, en Sanxenxo, e destacou a importancia deste tipo de establecementos que xeran emprego e dinamizan os cascos urbanos dos concellos galegos
Sanxenxo (Pontevedra), 6 de outubro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o local de New Bikes, un establecemento da empresa Boamorte Bikes, que foi unha das beneficiadas polas axudas para o impulso da dixitalización, modernización e sustentabilidade do comercio local e artesanal da Xunta con preto de 20.000 euros.
Situada en Sanxenxo, esta foi unha das preto de 730 comercios retallistas e obradoiros artesáns que se beneficiaron dos case 4 millóns de euros que a Xunta destinou a potenciar o comercio local a través desta convocatoria.
O delegado territorial aproveitou a visita para destacar o compromiso da Xunta co pequeno comercio de proximidade que é “imprescindible para manter a vida, a convivencia e a cultura dos nosos barrios”, neste sentido lembrou a importancia deste tipo de establecementos como “xeradores de emprego e dinamizadores económicos” dos cascos urbanos dos concellos galegos.
Cabe destacar que este ano unificáronse por primeira vez tres liñas de apoios —dixitalización, modernización e sustentabilidade— co obxectivo de mellorar a simplificación administrativa e axilizar as tramitacións co gallo de favorecer actuacións que contribúan á implantación dun modelo de comercio innovador e sustentable nas cidades e vilas galegas.
A través de tres liñas diferentes de axudas —compatibles entre si— o obxectivo é apoiar o sector para que poida adaptarse á nova realidade e ás tendencias de consumo a través da introdución de tecnoloxías que lles permitan conectar coas necesidades do cliente, mellorar a imaxe e os equipamentos dos establecementos para consolidar un comercio de proximidade moderno e atractivo e avanzar no compromiso ambiental e na eficiencia de recursos a través do emprego de bolsas e materiais de embalaxe con baixa pegada de carbono, eliminando materiais plásticos e axeitando o tamaño á dimensión dos produtos.