A Xunta comproba o estado e a sinalización do primeiro sendeiro accesible da reserva da biosfera Gerês-Xurés en Lobios

A directora xeral de Patrimonio Natural visita a renovada zona do aparcadoiro e a senda accesible do río Caldo pertencente ao Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés

Lobios (Ourense), 10 outubro 2025

A Xunta de Galicia habilitou e sinalizou o primeiro sendeiro accesible da Reserva da Biosfera Gerês-Xurés, na zona de Riocaldo, no concello ourensá de Lobios. O acondicionamento do aparcamento e a instalación da sinalización, complementan a adaptación dun tramo de 1.250 metros que descorre pola marxe dereita do río Caldo, entre as termas e un área de recreo e descanso. 

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, xunto con varios rexedores da zona e un grupo de persoas da Casa do Maior de Lobios, realizou hoxe un percorrido pola nova senda accesible e unha visita á zona, incluída nos terreos do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.

A intervención de adaptación do sendeiro, que tivo en conta varias guías sobre deseño de accesibilidade en vías verdes e parques naturais, quedou completada recentemente coa sinalización da zona de aparcamento. A responsable autonómica puido comprobar os resultados da actuación que contribuirá a que veciños da zona e visitantes poidan desfrutar dun espazo único polos recursos naturais e pola súa accesibilidade.

Cun investimento final de máis 116.800 euros, consistiu na adecuación dos pavimentos, a adaptación das pasarelas, a eliminación das barreiras arquitectónicas e a instalación tanto de zócalos e guías como de varandas nas ramplas existentes para facilitar o seu uso por persoas con diversidade funcional. Os traballos completáronse coa instalación de mesas, bancos e apoios adaptados, ao longo dos 1.250 metros do tramo.

Esta adecuación recibiu financiamento dos de Fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia-Next Generation UE e foi incluída tamén dentro dunha intervención máis ampla que significou a restauración ecolóxica de masas quercus pirenaicas como hábitat  de interese comunitaria e a mellora da ruta transfronteiriza no ámbito da Reserva da Biosfera Transformación Gerês-Xurés.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/10/2025