A Xunta recibe autorización xudicial para retirar os animais mortos localizados nunha nave en Ordes

A Administración autonómica axiliza este procedemento para evitar un problema  sanitario e contacta co Concello porque afecta ás súas competencias

Santiago de Compostela, 10 de outubro 2025

A Xunta de Galicia activou o protocolo correspondente e, tras lograr a autorización xudicial, procederá a retirar a partir de hoxe os restos dos animais mortos que foron localizados nunha nave na parroquia de Mesón do Vento, en Ordes.

A actuación da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que se desenvolve de xeito coordinado co Servizo de Seprona da Garda Civil, xustifícase na necesidade de actuar con axilidade para evitar un problema de emerxencia sanitaria. Dado que as competencias de retirada dos animais son municipais, o departamento autonómico púxose en contacto co Concello de Ordes para informar dos pasos dados.

A localización da nave en Mesón do Vento, no devandito municipio coruñés, produciuse despois de que, o pasado martes, o Seprona solicitase a participación nunha inspección a un inmoble de veterinarios do Servizo de Patrimonio Natural do Departamento Territorial de Medio Ambiente na Coruña. Unha vez trasladados ás instalacións puideron comprobar a existencia de gaiolas baleiras e, en distintos espazos, a presencia de animais vivos e doutros xa mortos -correspondentes a diferentes especies, pero principalmente, a aves -.

Ante o descubrimento, levantouse a correspondente acta e os efectivos do Seprona procederon a deter ao propietario do inmoble, ao comiso dos animais vivos e a poñer os feitos en coñecemento da autoridade xudicial.

Unha vez recibida a autorización xudicial, ao considerarse un asunto con carácter de emerxencia sanitaria,  a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático está a dar todos os pasos para que a Gestora de Subprodutos de Galicia (GESUGA), empresa xestora de residuos, comece a retirar hoxe os restos dos animais.

Data de actualización: 10/10/2025