A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asinou hoxe un memorando de cooperación co director executivo da Empresa Común Sesar JU, Andreas Boschen

A Xunta anuncia que Galicia será o primeiro banco de probas en España do Ceo Dixital Europeo, programa creado para impulsar un tráfico aéreo máis moderno e sustentable, estará en Galicia

A Empresa Común Sesar JU (Single European Sky ATM Research Joint Undertaking) é unha asociación público-privada europea que ten como obxectivo modernizar a xestión do tráfico aéreo en Europa, impulsando o concepto de "Ceo Dixital Europeo”

Forman parte dela a UE, Eurocontrol (Organización Europea para a Seguridade da Navegación Aérea) e máis de 50 organizacións que abranguen toda a cadea de valor do sector da aviación: aeroportos, provedores de servizos, operadores de drons, industria e comunidade científica

Este memorando asínase no marco da Estratexia de Seguridade, Defensa e Aerospazo 2025-2030 e, segundo Lorenzana, vén reafirmar as capacidades industriais e de investigación que Galicia ten no ámbito do aerospazo

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asinou hoxe un memorando de cooperación coa Empresa Común Sesar JU, Andreas Boschen, que vai permitir a Galicia converterse no primeiro banco de probas en España do programa para impulsar o “Ceo Dixital Europeo”.

A Empresa Común Sesar JU (Single European Sky ATM Research Joint Undertaking) é unha asociación público-privada europea que ten como obxectivo modernizar a xestión do tráfico aéreo en Europa, impulsando o concepto de "Ceo Dixital Europeo”. O seu obxectivo é acelerar a transformación dixital do sector, unificar o espazo aéreo europeo e aumentar a súa capacidade para manexar o tráfico futuro.

Forman parte dela a UE, Eurocontrol (Organización Europea para a Seguridade da Navegación Aérea) e máis de 50 organizacións que abranguen toda a cadea de valor do sector da aviación: aeroportos, provedores de servizos, operadores de drons, industria e comunidade científica.

Segundo explicou a conselleira, este memorando asínase no marco da Estratexia de Seguridade, Defensa e Aerospazo 2025-2030 para reforzar a colaboración en materia de investigación e innovación orientada a modernizar a xestión do tráfico aéreo. O acordo,    que é o segundo deste tipo que asina Sesar cunha rexión europea despois de Campania (Italia), ten por obxectivo a coordinación de actividades de I+D que contribúan a configurar o “Ceo Dixital Europeo”; é dicir, unha aviación máis segura, intelixente e sustentable.

Lorenzana avanzou que, en virtude deste memorando, “Galicia vai servir como banco de probas rexional para solucións innovadoras de tráfico aéreo, aproveitando a sólida base industrial e de investigación que temos”.

Sen dúbida, engadiu, “é un novo fito que vén reafirmar as capacidades industriais e de investigación que Galicia ten no ámbito do aeroespazo e que queremos seguir impulsado coa nova estratexia. E é un verdadeiro orgullo saber que todo ese coñecemento vai contribuír ao liderado tecnolóxico de Europa no eido da aviación”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/10/2025