A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, clausurou hoxe o MIG2025–Mobility Innovation Galicia, organizado por Ceaga

Lorenzana urxe un marco regulatorio para o sector da automoción adaptado á realidade do mercado e das empresas

Subliña que debería estar xa “inmediatamente aprobado e en aplicación”

“Se non damos resposta ás necesidades reais das empresas é probable que se agudice a crise de demanda que xa se está rexistrando na industria e se incremente a perda de produción do mercado actual”, advirte

Asegura que o Plan director da automoción “é unha aposta económica da Xunta que vai continuar”, con apoios “que sexan o máis útiles e acompasados posible ás decisións que Europa vaia tomando”

Nigrán (Pontevedra), 14 de outubro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, volveu insistir hoxe na necesidade de que o sector da automoción en Europa dispoña dun marco regulatorio adaptado á realidade do mercado e das empresas que debería estar xa “inmediatamente aprobado e en aplicación”.

Así o manifestou durante a súa intervención na clausura do MIG2025–Mobility Innovation Galicia, organizado polo Clúster de Automoción e Mobilidade de Galicia (Ceaga), onde recalcou que “se non damos resposta ás necesidades reais das empresas é probable que se agudice a crise de demanda que xa se está rexistrando na industria e se incremente a perda de produción do mercado actual”, dúas das consecuencias sobre as que xa vén advertindo o sector a nivel europeo, lembrou.

Lorenzana apuntou que o que Galicia vén reclamando nas reunións da Alianza de Rexións con Industria de Automoción -a última celebrada o pasado mes de setembro en Munich-, é que se revise o regulamento sobre as normas de CO² para aproveitar o potencial dos combustibles renovables e neutros en carbono. Así mesmo, tamén solicitou unha  flexibilización dos requisitos para distintos segmentos de vehículos e usos nos que os automóbiles eléctricos teñen maiores dificultades de penetración.

Ademais, a conselleira reiterou a necesidade de fomentar a produción local na Unión Europea para evitar a deslocalización das cadeas de valor, de modo que se dea apoio non só aos grandes fabricantes senón, tamén, a toda a industria auxiliar.

Ese plantexamento, dixo, é o que inspira o Plan Director para o sector aprobado o ano pasado pola Xunta con 230 M€ de investimento ata 2027 e que consiste nun conxunto de medidas que busca dar ás empresas o apoio necesario para a súa adaptación tecnolóxica, para facer investimentos en innovación e sustentabilidade, para reforzar o mercado exterior, etc.

“É unha aposta económica da Xunta que vai continuar”, dixo, con apoios “que sexan o máis útiles posible e o máis acompasados posible ás decisións que Europa vaia tomando”, subliñou na súa intervención.

Lorenzana concluíu destacando que a competitividade desta industria radica, precisamente, na capacidade que teña para innovar e facer esa transición cara ao vehículo eléctrico sen deixar atrás ningún elo da cadea de valor.

Ao respecto, ratificou o compromiso da Xunta coa colaboración público-privada e a innovación aberta no sector, e cualificou de imprescindible o labor que en Galicia desempeña a aceleradora BFAuto & Mobility, apoiada pola Administración autonómica nun 85 %, que ten a piques de lanzar a súa novena convocatoria. Segundo indicou,  xa veu nacer 92 startups, das cales un 26 % xa exportan a outros países

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/10/2025