A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, asistiu hoxe ao acto de fin de obra levada a cabo no complexo residencial

Allegue destaca a rehabilitación enerxética integral da Torre Efisa na Coruña, que contou cunha achega de 4,6 M€ de fondos europeos xestionada pola Xunta

A conselleira puxo en valor as actuacións realizadas para mellorar a eficiencia enerxética da Torre e subliñou que coa transformación, “suma outro fito á súa dilatada historia como emblema de cidade”  

Allegue subliñou que a actuación converte a este inmoble nun referente no compromiso coa sostibilidade e eficiencia enerxética e animou a construír un futuro “con responsabilidade, innovación e compromiso colectivo”

No marco da liña de axudas para mellora de eficiencia enerxética en edificios, a Xunta concedeu entre 2022 e 2024 máis de 750 achegas, que permitiron actuar en 9.500 vivendas

Ademais, a Administración autonómica tamén concedeu desde o 2021 preto de 4.400 axudas dirixidas a actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas unifamiliares e en vivendas en residenciais colectivos

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, puxo hoxe en valor a rehabilitación enerxética integral da Torre Efisa da Coruña, que contou cunha achega de 4,6M€ de fondos europeos xestionada pola Xunta ao abeiro da liña de axudas para mellora da eficiencia enerxética en edificios.

Allegue destacou a colaboración da Xunta neste proxecto no marco da aposta para acadar fogares eficientes e sostibles, na liña dos que está a construír a Administración autonómica. Subliñou que a actuación levada a cabo sitúa á Torre como referente, “non só pola magnitude da intervención, senón tamén  pola repercusión” e “polo que significa en canto ao compromiso coa sostibilidade e eficiencia enerxética”.

A conselleira lembrou que coa rehabilitación executada, o complexo residencial, que conta con 181 vivendas e 72 locais, “suma outro fito á súa dilatada historia como emblema da cidade” a través de solucións técnicas “que son declaracións de principios e pasos fundamentais cara un modelo máis respectuoso co medio ambiente”.

Engadiu que neste compromiso, entre os anos 2022 e 2024, a Xunta tramitou máis de 750 axudas en Galicia desta mesma liña de edificios, que permitiron actuar en 9.500 vivendas e cun investimento de case 118M€ de fondos europeos.

A estas achegas, hai que sumar ás que tamén tramita a Administración autonómica, dirixidas a actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas unifamiliares e en vivendas en residenciais colectivos, das que entre 2021 e 2025 a Xunta ten concedido preto de 4.400 para mellorar outras tantas vivendas. “Son axudas -incidiu Allegue- que nos permiten acondicionar os fogares para mellorar non só o seu confort, senón tamén para optimizar os recursos e reducir o consumo. Porque o futuro constrúese con responsabilidade, con innovación e con compromiso colectivo”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/10/2025