Arias amosa o apoio da Xunta ao Esmorga Fest, que cumpre dez anos como "un referente entre os festivais de música alternativa"
Sarria (Lugo), 15 de outubro de 2025
A Xunta de Galicia apoia un ano máis o Esmorga Fest, que se celebrará en Sarria este venres e o sábado. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación do evento, que forma parte dos Concertos do Xacobeo, e felicitou aos organizadores por “alcanzar a décima edición como un referente consolidado entre os festivais de música alternativa de maior calidade do panorama nacional”.
O Esmorga Fest desenvolverase na sala Litmar e na sociedade cultural A Unión, e reunirá a preto dunha vintena de artistas entre os que figuran nomes consagrados da escena musical independente como Oh Hiroshima, Joe Crepúsculo, La Habitación Roja ou Mujeres.
O festival comeza o venres 17 ás 20:00 horas coa apertura de portas na sala Litmar, onde media hora despois abrirán o programa os galegos Battosai. As actuacións do sábado terán lugar desde as 13:00 horas no escenario Xacobeo situado na Unión, e a partir das 20:30 horas regresarán ao primeiro escenario.