O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado polo director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Román Gómez, participaron no acto conmemorativo
A Xunta celebra o Día Mundial da Parada Cardiorrespiratoria cun adestramento masivo de reanimación cardiopulmonar na praza do Obradoiro
Un total de 15 monitores da Fundación Urxencias Sanitarias de Galicia-061 formaron a preto de 200 persoas a través de bonecos de simulación
A Xunta salienta a importancia de coñecer as técnicas de reanimación cardiopulmonar para minimizar os seus posibles efectos e aumentar as posibilidades de supervivencia
Galicia conta con máis de 3.400 desfibriladores externos semiautomáticos que poden ser utilizados por calquera testemuña seguindo as instrucións telefónicas dos médicos de Urxencias Sanitarias do 061
Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Román Gómez, asistiron esta mañá na Praza do Obradoiro a unha acción formativa en reanimación cardiopulmonar (RCP), conmemorativa do Día Mundial da Parada Cardíaca.
Para a realización deste adestramento contouse con 15 monitores en soporte vital básico de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que, mediante o emprego de bonecos de simulación, ensinaron técnicas de reanimación cardiopulmonar a persoal de Protección Civil, Policía Local e estudantes do grado medio de Formación Profesional en Técnico en Emerxencias Sanitarias (TES) do IES Lamas de Abade de Santiago de Compostela.
A formación fíxose extensiva a todos os transeúntes que quixeron aprender as manobras de soporte vital básico e RCP. Así, formouse a preto de 200 persoas durante as dúas horas en que se desenvolveu esta acción formativa.
Coa realización deste tipo de adestramentos preténdese dar a coñecer como actuar no caso de ser testemuña dunha situación na que unha persoa sufra unha parada cardiorrespiratoria, co obxectivo de poder reaccionar con rapidez e, deste xeito, minimizar os seus posibles efectos e aumentar as posibilidades de supervivencia.
Na comunidade galega as enfermidades cardiovasculares constitúen un dos problemas de saúde máis importantes, rexistrando unha media de 780 mortes súbitas ao ano. Xa que logo, a concienciación da sociedade sobre a importancia do recoñecemento dos sinais de morte súbita e das técnicas de reanimación cardiopulmonar básica resultan fundamentais.
Síntomas máis frecuentes
Os síntomas máis frecuentes da dor de orixe cardíaca son as molestias de aparición brusca, con sensación de opresión, que se localizan na zona central ou esquerda do tórax.
A dor pode estenderse cara ás costas, o brazo esquerdo, o colo e a mandíbula e case nunca varía cos cambios de postura nin coa palpación. En ocasións, acompáñase de suor frío, palidez, náuseas, vómitos, mareos e pode provocar dificultade para respirar.
No caso de sufrir os síntomas descritos, debe manter a calma, afrouxar a roupa e permanecer sentado ou recostado. A chamada ao teléfono 061, nestas circunstancias, resulta vital.
En paralelo á atención prestada por un médico coordinador, especialista en atención telefónica ás urxencias e ás emerxencias, os recursos asistenciais son mobilizados ata o lugar no que se atope para a aplicación dun desfribrilador, nos casos axeitados.
Na actualidade, Galicia conta con 3.464 desfribriladores semiautomáticos externos (DESA) dados de alta para ser empregados, en situación de necesidade, por calquera testemuña, seguindo as instrucións telefónicas dos médicos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
A maioría das mortes evitables ocorren fóra dos centros hospitalarios, polo que as únicas medidas que aumentan a supervivencia, minimizando as posibles secuelas, son a masaxe cardíaca, a desfibrilación precoz e a activación inmediata do sistema de emerxencias sanitarias, a través das Urxencias Sanitarias de Galicia-061.