O Servizo Galego de Saúde fai seguimento a máis de 23.000 pacientes crónicos a través da plataforma tecnolóxica Telea

O xerente do Servizo Galego de Saúde sinala que Telea recibe cada día máis de 380.000 biomedidas, un volume de información está a medrar de xeito exponencial, posto que neste ano  xa se superaron os 100 millóns de variables clínicas

Remarca a Xunta traballa na integración de novos dispositivos electrónicos e no desenvolvemento de algoritmos para a xestión de persoas con diabetes a través de Telea, a través dun investimento de máis de 900.000 € 

Destaca que Telea permite reducir os reingresos hospitalarios evitables, mellora o control dos pacientes crónicos complexos e diminúe notablemente os desprazamentos innecesarios tanto de pacientes como de profesionais

Avanza que a folla de ruta do Servizo Galego de Saúde pasa por seguir ampliando o alcance de Telea a novas áreas como a saúde mental, a rehabilitación ou a fraxilidade

Incide en que Galicia está a construír unha sanidade dixital centrada nas persoas, onde a tecnoloxía non substitúe o contacto humano, senón que o reforza

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2025

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, destacou hoxe que na actualidade máis de 23.000 pacientes crónicos son monitorizados a través da plataforma tecnolóxica Telea. Esta plataforma está implantada en todas as áreas sanitarias para o seguimento de patoloxías como a insuficiencia cardíaca, a EPOC, diabetes, enfermidades oncolóxicas, procesos postcirúrxicos ou coidados paliativos e integrada na historia clínica electrónica e no portal E-Saúde.

Na súa intervención na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento, onde deu conta do balance da actividade desta ferramenta de teleasistencia domiciliaria, o directivo sanitario da Xunta dixo que Telea é un dos piares da transformación dixital da Consellería de Sanidade, que está a contribuír a mellorar a calidade da asistencia, a eficiencia do sistema e a vida diaria de milleiros de galegos con enfermidades crónicas que requiren seguimento continuado.

Tal e como detallou o xerente, os pacientes a seguimento dispoñen de dispositivos de monitorización continua, o que permite recibir datos clínicos en tempo real sen que os teñan que rexistrar manualmente.

O Sergas recibe cada día máis de 380.000 biomedidas e este volume de información está a medrar de xeito exponencial, posto que no pasado ano rexistráronse máis de 44 millóns de variables clínicas e neste 2025 xa se superaron os 100 millóns.

O xerente explicou que esta actividade masiva de seguimento é posible grazas á integración de dispositivos médicos coa historia clínica electrónica, o que garante que os profesionais dispoñan dunha visión completa e actualizada do estado de saúde de cada persoa.

José Ramón Parada puxo en valor que Galicia é referente europeo nese ámbito, coa integración efectiva na historia clínica de cinco provedores de dispositivos de monitorización cardíaca, dous de control continuo da glucemia, tres de bombas de infusión e un provedor de equipos de hemodiálise domiciliaria.

O directivo do departamento sanitario da Xunta avanzou que, dentro da Estratexia de evolución tecnolóxica de Telea, están en marcha dúas novas licitacións financiadas pola Unión Europea no marco dos Fondos de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

A primeira das licitacións, por importe de máis de 500.000 euros, ten como obxectivo a integración de novos dispositivos entre os que están sensores de pulso con pletismografía, respiradores domiciliarios e sistemas de diálise de distintos provedores, o que permitirá ampliar a capacidade da plataforma e mellorar a interoperabilidade cos sistemas de información sanitarios.

A segunda licitación anunciada polo xerente, por importe de 484.000 euros, céntrase no desenvolvemento de algoritmos avanzados para a xestión de persoas con diabetes, dentro do proxecto da Xunta eDiabetes. Trátase dun modelo de medicina personalizada que permitirá avaliar riscos cardiovasculares, detectar hipoglucemias e predicir a  evolución de cada paciente.

Vantaxes de Telea

Tal e como puxo en valor o xerente do Sergas, Telea non é so unha plataforma tecnolóxica, é un modelo asistencial novo que reduce os reingresos hospitalarios evitables, mellora o control dos pacientes crónicos complexos e diminúe notablemente os desprazamentos innecesarios tanto de pacientes como de profesionais. Ademais, facilita o traballo multidisciplinar entre o persoal de atención primaria e hospitalaria, fortalecendo a continuidade asistencial.

Sinalou, así mesmo, que Telea foi recoñecida pola Comisión Europea como boa práctica en atención primaria e forma parte do Proxecto Europeo CIRCE, no que Galicia exerce un papel de liderado transferindo este modelo a outras rexións europeas.

O xerente avanzou que a folla de ruta do Sergas pasar por seguir ampliando o alcance de Telea a novas áreas como a saúde mental, a rehabilitación ou a fraxilidade, ademais de seguir a integrar solucións de intelixencia artificial clínica e de fortalecer a colaboración con outras rexións europeas.

Para rematar a súa intervención, o directivo do Sergas subliñou que Galicia está a construír unha sanidade dixital centrada nas persoas, onde a tecnoloxía non substitúe o contacto humano, senón que o reforza, permitindo dedicar máis tempo ao que realmente importa que é o acompañamento e a prevención e a saúde da cidadanía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/10/2025