A Xunta apoiou con case 74.000 € a 10 entidades veciñais na área metropolitana da Coruña ao abeiro das axudas do Plan específico de acción comunitaria deste ano

A directora xeral de Administración Local visitou hoxe en Culleredo as obras realizadas nos locais sociais das asociacións veciñais de Castelo e de Santo Estevo de Sueiro, beneficiarias das dúas liñas desta orde de axudas

As achegas van dirixidas a asociacións veciñais e de mulleres rurais, así como a comunidades de usuarios de augas e poden acadar a totalidade do investimento realizado

O Plan específico de acción comunitaria saldouse con case 400 colectivos beneficiarios neste exercicio no que a Xunta incrementou o orzamento en 1M€ ata acadar os 4M€

Culleredo (A Coruña), 16 de outubro de 2025

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe en Culleredo as asociacións de veciños de Castelo e de Santo Estevo de Sueiro para comprobar as melloras realizadas no seus respectivos locais comunitarios, así como revisar o material entregado. Ambos os colectivos son beneficiarios das dúas liñas de axudas do Plan específico de acción comunitaria de 2025, dirixidas a entidades veciñais, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia, que apoiaron a 10 entidades da área metropolitana da Coruña para realizar 12 actuacións, sumando case 74.000 euros de axudas.

No caso destas asociacións, a Xunta destinou 30.850 euros para acondicionar os seus locais sociais, principalmente a través da mellora do illamento, e dotalos de mobiliario para crear un centro comunal mellor adaptado e que permita a realización dunha maior variedade de actividades. No local da asociación veciñal de Castelo substituíronse as fiestras por unhas máis modernas e as calexas e baixantes para mellorar a drenaxe de auga. Ademais, realizouse unha limpeza integral da cuberta. Por outra banda, tamén se dotou a asociación de mesas e cadeiras, e renováronse o ordenador e o televisor cos que se realizaban diferentes actividades. Estas actuacións supuxeron un investimento de máis de 15.000 euros.

En canto á asociación de Santo Estevo de Sueiro, a Xunta aportou 15.674 euros para acondicionar unha zona de terraza no local, unha das principais demandas dos usuarios, e climatizar unha das novas salas do edificio, ampliado recentemente e que aínda non estaba integrada no sistema de bomba de calor. En canto ao equipamento, dotouse a asociación de novo mobiliario, como cadeiras, mesas e librarías, ademais de materiais lúdicos e deportivos útiles para as distintas actividades que os veciños realizan na asociación.

Natalia Prieto explicou que estas obras buscan promover a participación cidadá e fortalecer o asociacionismo local, así como fomentar a creatividade e a aprendizaxe a través das diferentes actividades que estes colectivos realizan, o que fomenta a desenvolvemento cultural e o fortalecemento da comunidade.

Este ano, a través da orde de subvencións do Plan específico de acción comunitaria, ao que se destinaron catro millóns de euros de orzamento, fronte aos tres millóns do exercicio anterior, resultaron beneficiarios case 400 colectivos, un cento máis que os 300 de 2024. Medrou tamén o número de proxectos impulsados, con 454 actuacións fronte ás 341 do ano pasado.

Por provincias, a meirande parte das entidades beneficiarias son de Pontevedra, con 172 actuacións subvencionadas por 1,7 millóns e de Ourense, con 128 proxectos por un montante de máis de 1 millón de euros. Pola súa banda, Lugo sumou 82 axudas, e A Coruña 72 con investimentos de 653.200 e 549.500 euros respectivamente.

Con esta orde, o Goberno galego contribúe a mellorar a calidade da vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal. Deste xeito, poden ser obxecto de subvención os investimentos realizados en inmobles da titularidade das entidades solicitantes ou sobre os que teña dereito de uso, no caso das asociacións de veciños e de mulleres rurais, así como os equipamentos necesarios para o seu funcionamento, todos eles orientados ao cumprimento dos fins da entidade e o seu funcionamento ordinario, e as obras nas traídas de auga comunitarias.

Apoio a obras e equipamento

A directora xeral recordou que esta orde conta con dúas liñas, unha para obras e a outra para equipamento, das que unha mesma entidade se pode ver beneficiada por ambas, coma no caso destas asociacións de Culleredo.

A primeira delas, para realizar obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais onde as entidades veciñais e de mulleres rurais desenvolven a súa actividade e obras de mellora, reforma e reparación de infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas, estivo dotada con 3,4 millóns de euros. A liña de axudas para a adquisición de equipamento necesario para o funcionamento das organizacións beneficiarias contou cunha achega de 600.000 euros.

Este apoio pode acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para a dotación de equipamentos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/10/2025