O conselleiro de Sanidade interveu hoxe no acto conmemorativo do 40 aniversario da Asociación Ferrolana de Drogodependencias (ASFEDRO), celebrado no Teatro Jofre

Gómez Caamaño reivindica o compromiso da Xunta na loita contra as adiccións e salienta que a Lei de protección da saúde dos menores situará Galicia á vangarda

O titular de Sanidade destaca o labor e a traxectoria de ASFEDRO, poñendo en valor a capacidade desta asociación para adaptarse ás novas adiccións e patróns de consumo

En 2024, a Asociación Ferrolana de Drogodependencias prestou  atención integral a máis de 1.000 persoas

A Xunta destina unha partida de 12,4 millóns de euros a apoiar ás entidades que traballan no ámbito dos trastornos adictivos

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reivindicou hoxe o compromiso da Xunta na loita coas adiccións e salientou que a Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das conductas aditivas situará Galicia á vangarda nesta materia. Así, o remarcou esta tarde no acto conmemorativo do 40 aniversario da Asociación Ferrolana de Drogodependencias (ASFEDRO).

Acompañado da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, o titular de Sanidade gabou “o labor e a traxectoria exemplar” dunha institución que, tras catros décadas de traballo, forma parte da historia viva da loita contra as drogas en Galicia, convertido nun “auténtico referente” no apoio a quen sufre trastornos adictivos.

Segundo indicou o conselleiro, durante o ano 2024 ASFEDRO prestou atención integral a máis de 1.000 persoas, un servizo de apoio no que foi quen de situar ás persoas no centro do sistema sanitario e social.

“O reto das adiccións é complexo e evolutivo”, engadiu Gómez Caamaño, destacando a capacidade da Asociación Ferrolana de Drogodependencias para adaptarse en cada momento ás novas substancias adictivas e aos novos patróns de consumo presentes na sociedade.

“Celebramos 40 anos de compromiso nos que ASFEDRO demostrou que a atención ás adiccións precisa de humanidade, e tamén, duns recursos adaptados ás necesidades de cada persoa e de cada tempo”, apuntou o responsable de Sanidade.

Neste contexto, salientou algunhas das medidas que a Xunta está a por en marcha para combater as condutas adictivas, ben sexa desde o ámbito da prevención, como é o caso da nova lei de saúde dos menores, ou ben mediante o apoio ás diferentes entidades e asociacións que traballan no ámbito dos trastornos adictivos e aos que o Executivo galego destinou unha partida de 12’4 millóns de anos durante o presente ano.

“A nova Lei de protección da saúde dos menores e prevención de condutas adictivas, sitúan a Galicia á vangarda nesta loita”, referiu Gómez Caamaño, quen pechou a súa intervención avogando porque a Xunta e ASFEDRO “sigan avanzando xuntos cara a unha Galicia libre de adiccións”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/10/2025