A Xunta impulsa nos orzamentos de 2026 o proxecto Ferrol Cidade do Deporte cun investimento de 2,9 M€
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes avanzou en Ferrol a achega destinada o próximo exercicio á execución das distintas obras previstas no marco do convenio asinado en 2024 co Concello
O obxectivo é mellorar e poñer en valor as infraestruturas deportivas ferrolás para facilitarlle a práctica deportiva á poboación da contorna en todos os niveis
Ferrol, 18 de outubro de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, avanzou hoxe en Ferrol o orzamento previsto o vindeiro exercicio pola Xunta para impulsar o proxecto Ferrol Cidade do Deporte, que ascende a 2,9 millóns de euros. Trátase así de garantir o avance das obras previstas no marco do convenio asinado en 2024 entre o Goberno galego e o Concello para esta iniciativa, presupostada en 18 millóns de euros cofinanciados por ambas as administracións a partes iguais.
Segundo sinalou o conselleiro, o obxectivo é mellorar e poñer en valor as infraestruturas deportivas ferrolás, así como fomentar o deporte entre a poboación do concello e da súa contorna, facilitando a súa práctica en todos os niveis. A iniciativa enmárcase no apoio da Xunta ás instalacións deportivas municipais, que está a impulsar tanto a través de convenios de colaboración como a través das liñas específicas de apoio aos concellos.
Así, das instalacións previstas no proxecto Ferrol Cidade do Deporte está xa licitada e con previsión de comezar a executarse este ano ou comezos do que vén a reforma do recinto feiral FIMO. Están tamén licitadas as obras no estadio da Malata e a rehabilitación da cidade náutica da Cabana, coa adecuación dos edificios e a instalación de dous embarcadoiros, xunto coa reparación do pavimento da súa pista polideportiva.
Ademais, vanse reformar outras infraestruturas na contorna urbana do concello para adecualas ás novas necesidades e á normativa. Trátase do campo de fútbol de Caranza e do complexo deportivo da Gándara, cuxas obras xa están licitadas e coa previsión de comezar proximamente.