O conselleiro de Sanidade, acompañado da delegada territorial da Xunta e do xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, interveu no acto de inauguración da Xornada Diabetes Evolution
A Consellería de Sanidade salienta o impacto do proxecto e-Diabetes, que monitoriza os niveis de glicosa de máis de 12.000 pacientes con sensores de envío domiciliario
O titular de Sanidade destaca a extraordinaria traxectoria da doutora Teresa Martínez Ramonde, xefa do servizo de Endocrinoloxía e Nutrición do hospital herculino e o seu papel determinante no progreso da abordaxe da diabetes en Galicia
Pon en valor o compromiso da Xunta coa mellora da atención ás persoas con diabetes tipo 2
Lembra o investimento da Xunta de preto de 80 millóns en bombas de insulina e sistemas de monitorización de glicosa
A Coruña, 18 de outubro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou o impacto do proxecto e-Diabetes, que fai un seguimento dos niveis de glicosa de máis de 12.000 pacientes por medio de sensores de envío domiciliario e garantindo a integración dos datos na historia clínica electrónica. Esta iniciativa compleméntase coa aplicación Sergas Diabetes, recollendo datos en relación ao exercicio físico ou á presión arterial.
O titular da carteira sanitaria do Goberno galego, Antonio Gómez Caamaño, acompañado da delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, e do xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, interveu no acto de inauguración da Xornada Diabetes Evolution, organizada polo Servizo de Endocrinoloxía e Nutrición do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e pola Sociedade Galega de Endocrinoloxía e Nutrición.
Na súa intervención, o conselleiro destacou a extraordinaria traxectoria da doutora Teresa Martínez Ramonde, xefa do servizo de Endocrinoloxía e Nutrición do hospital herculino e o seu papel determinante no progreso da abordaxe da diabetes en Galicia. Neste sentido remarcou as accións impulsadas por esta profesional, entre as que citou o hospital de día de endocrinoloxía ou o desenvolvemento da unidade de nutrición do Chuac.
O conselleiro referiu que, grazas á doutora Martínez Ramonde, Galicia participa no proxecto europeo Coido da miña diabetes, que pon de manifesto o compromiso da Xunta coa mellora da atención ás persoas con diabetes tipo 2, ofrecendo un modelo innovador e personalizado que combina a prevención e o autocoidado.
Igualmente destacou o conselleiro o Proceso Asistencial Integrado para Diabetes Mellitus tipo 2, no que tamén foi determinante a participación da doutora Martínez, que mellora a efectividade dos tratamentos e actuacións sanitarias. Este proceso céntrase, ademais de na prevención, no diagnóstico da poboación de risco e na individualización dos tratamentos.
Investimento da Xunta
Na súa intervención no acto, o conselleiro puxo en valor que, para poñer en marcha todas estas medidas, a Xunta fixo un importante investimento na adquisición de dispositivos que axudan a obter os datos máis fiables.
Así, no 2023 o Executivo galego autorizou a compra centralizada de bombas de insulina e sistemas de monitorización de glicosa por preto de 80 millóns de euros.
Ademais, a Xunta xa adxudicou a contratación de servizos de deseño e desenvolvemento de algoritmos avanzados para o descubrimento de patróns centrados na xestión de persoas con diabetes, cun investimento de máis de 480.000 euros.
Para rematar a súa intervención, Gómez Caamaño incidiu en que o conxunto destas medidas achegan unha maior efectividade na acción sanitaria e diminúen a variabilidade clínica.
Premiados
Durante o acto, foron entregados distintos galardóns cos que foron recoñecidos: Javier Fernández como paciente destacado polo seu esforzo e compromiso co tratamento; María Carballo, polo seu labor de apoio aos profesionais médicos; Andrés Peña, do Chuac, pola dedicación e excelencia dun enfermeiro no ámbito da endocrinoloxía; José Luis Chamorro, do Chuvi, pola dedicación e excelencia dun médico no ámbito da endocrinoloxía; e Luis Verde, xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, pola súa xestión e liderado no ámbito da endocrinoloxía.