A Xunta destina máis de 50 M€ en actuacións clave nos concellos da comarca do Salnés e Ullán nuns orzamentos centrados na mellora da calidade das augas, a sanidade e a vivenda

O delegado territorial, Agustín Reguera, informa das contas para a comarca, que inclúen unha importante partida para o novo hospital de Vilagarcía, ademais de accións de saneamento e centros escolares.

O total dedicado á provincia de Pontevedra supera os 4.083 millóns de euros 

”A Xunta leva moitos anos lendo as necesidades dos galegos e galegas e poñendo todo o seu esforzo en mellorar a súa calidade de vida. Proba diso son estes magníficos orzamentos que, estou seguro, permitirán mellorar o día a día de centos de miles de veciños do Salnés e Ullán”

Pontevedra, 20 de outubro de 2025

A  Xunta de Galicia vén de destinar preto de 50 M€ para actuacións clave na comarca do Salnés no proxecto de Orzamentos 2026, dos máis 4.083 M€ que se investirán, en total, na provincia, segundo revelou hoxe o delegado territorial, Agustín Reguera.

O delegado lembrou as “múltiples obras e iniciativas” levadas a cabo con éxito durante o presente exercicio e sinalou algunhas das principais actuacións previstas nestes orzamentos, entre as que destaca os 25,4 M€ que se destinaran a accións de mellora das augas e saneamento da ría de Arousa, con obras como a da mellora da potabilizadora do Salnés; a mellora do saneamento municipal de Cambados-Vilanova de Arousa; a optimización do servizo de depuración de Vilagarcía de Arousa; entre outras actuacións que se levarán a cabo, incluso do lado do Barbanza, pero que tamén beneficiarán aos veciños e veciñas do Salnés. 

Máis alá das propostas en materia de saneamento e coidado do medio ambiente, entre os principais investimentos, destacan en Vilagarcía de Arousa: O novo centro de Saúde, que conta cunha achega de 13 M€ para a súa construción; a partida para desenvolvemento de solo para vivenda protexida; o investimento no CIFP Fontecarmoa, que xa se topa en execución, ou a modernización dos xulgados. 

Pola súa banda, está previsto para Sanxenxo un importante investimento de 1,4 millóns de euros para a ampliación do centro de saúde de Baltar; 1 M de euros para o PIA da Lanzada; 250.000 euros  (dos 550.000 euros que se investirán en total) para a construción dos novos departamentos para o sector profesional do mar; e preto de 140.000 euros para a celebración dun mercado de produtos amparado baixo o selo ‘Artesanía Alimentaria’. 

No Grove, a Xunta contempla, entre moitos outros investimentos, os traballos de ampliación do CEIP Rosalía de Castro que conta cunha partida de máis de 1,6 M de euros; e os traballos de eliminación de humidades da igrexa de San Vicente do Grove que terán un custo de 200.000 euros. 

Como xa anunciou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, a semana pasada, Cambados e Vilanova de Arousa contarán cun importante investimento en materia de saneamento e coidado das augas. Ademais disto, a Xunta contempla partidas para o impulso ao polo de emprendemento de Vilanova (preto de 130.000 euros) e para o CEIP San Tomé, uns traballos que xa foron licitados. O último dos grandes investimentos previstos para o Salnés, é a partida para o centro de saúde de Meis no que este ano se investirá un millón de euros. 

Na zona do Ullán, Catoira e Valga contarán cunha importante partida para evitar inundacións derivadas do cambio climático, ademais, este último concello, contará cun investimento para o novo aeródromo e a nova base de unidades operativas dependente da consellería de Medio Rural. En educación, a Xunta investirá 140.000 euros no IES de Valga. 

En total, o investimento en actuacións estratéxicas na comarca do Salnés e Ullán é de Máis de 50 M€, superando amplamente o investido o ano pasado. 

Cabe destacar que, máis alá dos investimentos nomeados, os orzamentos do ano 2026 contemplan unha gran cantidade de pequenas actuacións, así como a prestación de servizos aos que a cidadanía xa está habituada. Nomeadamente as axudas para o alugamento, os bonos e programas de transportes ou a gratuidade da educación dende os 0 anos ata a titulación universitaria. 

O delegado territorial destacou o compromiso da Xunta cos “problemas da cidadanía” e a necesidade de “seguir apostando por sectores especialmente sensibles como o acceso á vivenda, o coidado do medio ambiente, a sanidade ou a educación”. Neste sentido, Reguera asegurou que “a Xunta leva moitos anos lendo as necesidades dos galegos e galegas e poñendo todo o seu esforzo en mellorar a súa calidade de vida. Proba diso son estes magníficos orzamentos que, estou seguro, permitirán mellorar o día a día de centos de miles de veciños do Salnés e Ullán”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/10/2025