A Xunta destina máis de 95 M€ en actuacións clave nos concellos da área de influencia de Pontevedra, Caldas e O Morrazo cunha aposta histórica polo desenvolvemento das infraestruturas
O delegado territorial, Agustín Reguera, informa das contas para a área de influencia de Pontevedra, O Morrazo y Caldas, que inclúen unha importante partida para a promoción de vivenda pública e a sanidade
O total dedicado á provincia de Pontevedra supera os 4.083 millóns de euros
Pontevedra, 20 de outubro de 2025
A Xunta de Galicia vén de destinar preto de 95 M€ para actuacións clave na área de influencia de Pontevedra, O Morrazo e Caldas no proxecto de Orzamentos 2026, dos máis 4.083 M que se investirán, en total, na provincia, segundo revelou hoxe o delegado territorial, Agustín Reguera.
O delegado lembrou as “múltiples obras e iniciativas” levadas a cabo con éxito durante o presente exercicio e sinalou algunhas das principais actuacións previstas nestes orzamentos.
Entre os principais investimentos que se levarán a cabo na área de influencia de Pontevedra, destaca no concello de Pontevedra os máis de 14,22 M de euros que se destinarán á construción de Vivendas de Promoción Pública, con 300 xa en marcha en Pontevedra e o compromiso de chegar a máis de 2.000 centradas nos barrios de Valdecorvos, Tafisa e A Parda. Ademais, a consellería de Vivenda e Infraestruturas destinará unha partida de máis de 38 M de euros en axudas para a promoción de vivendas (cohousing) en Pontevedra e Porriño e investirá 13 M de euros en desenvolvemento de solo para vivenda protexida en Vigo, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Marín.
Outro dos grandes protagonistas nestes orzamentos é o novo Montecelo, que entra na súa fase final e que conta cunha partida de preto de 32,2 M de euros. O convento de Santa Clara (1,5 M); os traballos de mellora da eficiencia enerxética no edificio administrativo e na sede da AGASP (preto de 1 M en total); a ampliación do Campiño (1,6 M); o CIF e a rehabilitación de Lourizán (1,4 M en total); os investimentos en fomento do deporte, como a mellora da piscina do CGTD, a mellora dos pantaláns do campo de regatas de Verducido, ou o investimento no Centro de Alto Rendemento de Galicia (1,25 M en total); a construcción dun novo parque canino (85.000 euros); A dragaxe do Río Lérez (500.000 euros, dos preto de 9 millóns que se investirán); a Variante de Alba (250.000 euros); o novo Punto de encontro Familiar (500.000 euros); ou a remodelación dos Xulgados da Parda (123.600 euros), son outros dos grandes investimentos previstos para a cidade.
Actuacións na área de influencia, Caldas e Morrazo
No concello de Marín, destacan o investimento no CEIP O Seixo e a restauración da Igrexa de Santa María do Porto. Ademais, o documento contempla a mellora do sistema de saneamento municipal de Mogor, que contará cun orzamento total plurianual de 3,3 M de euros. Neste sentido tamén se recolle unha actuación semellante no concello de Poio, concretamente na rede de saneamento municipal de Portocampelo. Para o mesmo concello está contemplado un investimento de 240.000 euros que permitirán iniciar os traballos no parque de Fragamoreira.
Os traballos no CEIP Plurilíngüe Pedro Antonio Cerviño (711.000 euros), en Campo Lameiro; o Centro de Saúde de Barro (900.000 euros); a rehabilitación e mellora do peirao O Meixoeiro (650.000 euros); a nave da Sociedade Deportiva Tirán (190.000); o Centro de Saúde de Moaña (2,2 M); o Centro de Saúde do Morrazo, en Cangas (600.000 euros); e a reparación da capela e a mellora dos espazos de uso público da illa de Ons, no concello de Bueu, pechan a lista de grandes investimentos na área de influencia de Pontevedra e o Morrazo.
Por último na zona de Caldas de Reis, investirase na prevención das inundacións derivadas do cambio climático nos ríos Ulla-Sar, o que afecta directamente ao concello de Valga. No mesmo concello, a consellería de Medio Rural investirá nun novo aeródromo e unha nova base de unidades operativas para loitar contra os incendios. Ademais, os orzamentos contemplan unha achega de 140.000 euros para a mellora do IES de Valga.
Tamén en educación, cabe destacar a importante actuación de máis de 1,5 M de euros que xa se está a realizar no IES Pluirilíngüe Aquis Celenis. Tamén se realizarán melloras no CEIP Plurilíngüe San Clemente de Cesar, unha obra que xa está licitada e que contará nesta anualidade cun orzamento de 348.000 euros. O investimento no Centro de Saúde de Caldas de Reis e a mellora enerxética dos xulgados, con 600.000 e 483.000 euros orzamentados respectivamente, pechan as grandes actuacións previstas para Caldas de Reis.
Por último cabe destacar a nova Base de Unidades Operativa de Portas e a actuación no CPI Aurelio Marcelino Rey García, de Cuntis, que conta cunha partida de 1,1 M de euros.
Cabe destacar que, máis alá dos investimentos nomeados, os orzamentos do ano 2026 contemplan unha gran cantidade de pequenas actuacións, así como a prestación de servizos aos que a cidadanía xa está habituada. Nomeadamente as axudas para o alugamento, os bonos e programas de transportes ou a gratuidade da educación dende os 0 anos ata a titulación universitaria.
O delegado territorial destacou o compromiso da Xunta cos “problemas da cidadanía” e a necesidade de “seguir apostando por sectores especialmente sensibles como o acceso á vivenda, o coidado do medio ambiente, a sanidade ou a educación”.