A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, visitou hoxe a actuación realizada

A Xunta inviste máis de 200.000 € na humanización das prazas de San Antonio, do Cruceiro e de San Roque no concello de Coristanco, ao abeiro do Plan Hurbe

As intervencións permitiron unificar os distintos espazos e mellorar a accesibilidade  

A conselleira subliñou as actuacións executadas, nas que a Xunta investiu o 70% do investimento total de máis de 300.000€, como exemplo de transformación de espazos para mellorar a calidade de vida da veciñanza

Allegue destacou o Plan Hurbe como ferramenta para colaborar cos concellos na mellora das contornas urbanas e recuperación do espazo público, ao abeiro dun urbanismo sostible

Coristanco (A Coruña), 22 de outubro de 2025

A Xunta inviste máis de 200.000€ na humanización de varias prazas de Coristanco ao abeiro do Plan Hurbe. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, visitou hoxe a praza de San Roque, mellorada a través desta actuación xunto ás prazas de San Antonio e do Cruceiro, no lugar de Agualada.

Nestes espazos leváronse a cabo diversas intervencións para unificar os distintos espazos e mellorar a accesibilidade, como destacou a conselleira, que puxo en valor a colaboración entre administracións para abordar estas actuacións de recuperación e transformación do espazo público ao abeiro dun urbanismo sostible, “para poder mellorar a calidade de vida da veciñanza”.

Allegue subliñou a mellora acadada nestes espazos de Coristanco a través do Plan Hurbe, destacando que estes lugares renovados se converten “en novos puntos de encontro da veciñanza e axudan tamén a atraer e asentar poboación, ao mellorar e modernizar as nosas vilas”. 

A través do convenio asinado entre Xunta e Concello, a Administración autonómica aportou o 70% do investimento total, máis de 300.000€, ademais de licitar e contratar as obras, mentres que a  Administración local asumiu o 30% restante e elaborou o proxecto. 

Na rúa e na praza de San Roque, a intervención permitiu dar un mellor acceso desde o centro do pobo, coa ampliación de beirarrúas no inicio da rúa. Ademais, dotouse de iluminación á zona, unificáronse os paseos e recolocaranse bancos, farois e papeleiras. Tamén se regularizou o acceso á área de xogos e delimitouse a zona de aparcamentos e a dun carril bici. 

Por outra banda, as obras desenvolvidas na praza de San Antonio permitiron unificar o pavimento da praza, substituíndo baldosas danadas. Ademais, recolocáronse as árbores existentes no lado da fonte, para ofrecer un mellor acceso á praza.  

No que atinxe á praza do Cruceiro, abordouse unha plataforma única para integrar o colexio coa zona de xogos infantís, creando unha zona preferentemente peonil e facilitando a accesibilidade da zona, coa desaparición das estreitas beirarrúas e a creación dun espazo máis amplo. Así mesmo, plantáronse árbores, dotouse de nova iluminación e creouse unha zona de aparcamento. 

Orzamentos

“Seguiremos colaborando para seguir sumando espazos máis amables e accesibles”, engadiu Allegue. Neste senso, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destacou que nos orzamentos do 2026, a provincia da Coruña ten consignados 9M€ en materia de urbanismo.

Os orzamentos da Consellería centran esforzos en seguir a impulsar o acceso á vivenda e en continuar vertebrando a provincia a través das infraestruturas autonómicas. Así, o orzamento global da Consellería para A Coruña ascende a 220,2M€ e supón o 39% do total do departamento, incrementándose nun 8,2% respecto ao 2025. “Seguimos, polo tanto, a construír Galicia, e continuaremos a traballar arreo neste empeño”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/10/2025