Medio Rural beneficia 655 titulares de explotacións agrarias con máis de 184.000 euros para a súa nova participación en réximes de calidade
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución destas subvencións, a través das cales os beneficiarios poden financiar os custos fixos ocasionados pola inscrición e a cota anual de participación no réxime de calidade
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2025
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural pola que se dá publicidade á concesión das axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade. Así, un total de 655 explotacións veranse beneficiadas cunha achega total de algo máis de 184.000 euros.
A maior parte delas, un total de 370, corresponden á Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega. O resto refírense ao Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), con 250 beneficiarios, á IXP Mel de Galicia, con 23, e a outros indicativos de calidade diferenciada, que son 12 en conxunto.
Esta liña de axudas ten por obxectivo incentivar a participación dos titulares de explotacións agrarias en réximes de calidade, isto é, en denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas ou en produción ecolóxica.
Así, a través desta liña de apoio, os beneficiarios poden financiar os custos fixos ocasionados pola inscrición nun réxime de calidade, así como a cota anual de participación, imputados á campaña que comprende o período que vai do 1 de maio de 2024 ata o 30 de abril de 2025. A contía da axuda é do 100% dos gastos subvencionables realizados, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación, durante un período máximo de cinco anos.
Para cobrar as axudas, as persoas beneficiarias terán ata o 25 de novembro -inclusive-para presentar a documentación xustificativa dos gastos efectuados e a solicitude de pagamento correspondente a través da sede electrónica da Xunta.
Ligazón á resolución:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20251022/AnuncioG0528-141025-0001_gl.html